A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, clausuraron na EGAP o curso para ‘Formadoras en materia de alfabetización dixital e empoderamento das mulleres rurais con perspectiva de xénero’.
Segundo explicou a titular de Igualdade, o curso realizouse grazas á colaboración do Instituto da Muller -Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade- e o seu obxectivo foi dotar ás alumnas das ferramentas necesarias para formar a mulleres -neste caso do rural- no emprego das TICs, posto que “as novas tecnoloxías constitúen un factor clave nun rural galego disperso e con dificultades de comunicación en moitas ocasións”.
Por iso, desde a Secretaría Xeral da Igualdade estase a traballar en prol do desenvolvemento profesional das mulleres rurais en todos os posibles ámbitos da actividade económica; a diminución da fenda dixital de xénero e a promoción do uso máis amplo e diverso das tecnoloxías dixitais, como instrumentos claves de participación na sociedade.
“Un dos obxectivos que se marca Igualdade para o 2014 será o de incentivar o emprendemento orientado á muller rural, xa que consideramos que a integración de xénero no medio rural é un elemento estratéxico non só para promover a igualdade entre homes e mulleres senón tamén para o crecemento económico e un desenvolvemento rural sostenible”, explicou López Abella.
No curso participaron 18 traballadoras dos Centros de Información á Muller de Quiroga, O Grove, Cangas, Ribadeo, Avión, Coirós, Palas de Rei, Ponteareas, Pontevedra, Curtis, Chantada, Vilagarcía de Arousa, Verín, Ribeira, Monforte de Lemos e as Mancomunidades de Ordes, O Ribeiro e Terras de Celanova. Todas elas recibiron durante o acto o seu diploma acreditativo do curso.
Rexístrate como: