Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Os diabétivos envorcan os seus datos dende casa

Galicia experimenta con éxito a telemedicina para endocrinoloxía


  • A telemedicina permitiu que en apenas tres semanas se resolvesen 150 consultas formuladas dende os centros de atención primaria

  • Empezou como un proxecto piloto, pero agora todos os médicos de cabeceira da área coruñesa xa poden trasladar vía informática ao especialista as súas consultas sen que o paciente teña que desprazarse ao Hospital A Coruña ou ao centro do Ventorrillo

  • As derivacións ao endócrino diminuíron un 17%

  • Os diabétivos envorcan os seus datos dende casa 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 07/02/14 (09:40)

En marzo pasado, o servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña apostou por unha iniciativa novidosa: probar se era posible cubrir distancias sen necesidade de que o paciente se tivese que mover. Inicialmente, a intención do equipo médico era valerse da tecnoloxía, dado que a informatización dos centros de saúde está xeneralizada e todos os profesionais teñen acceso á historia clínica electrónica, para un mellor control dos pacientes con diabete. Hoxe, ese proxecto inicial converteuse nunha forma de traballo, a teleasistencia con primaria, de modo que calquera trastorno da especialidade que chega aos médicos de cabeceira se consulta por esta vía.


Para a implantación do telendocrino levouse a cabo un plan piloto con tres de centros de saúde escollidos para que fosen dalgún xeito referencia das distintas áreas de Galicia: a Casa do Mar da Coruña, centro eminentemente urbano; o servizo de primaria de Curtis, representante da asistencia rural; e como modelo de poboación intermedia, o de Betanzos.


O plan piloto consistía en que os médicos de primaria, a través dun programa informático específico, trasladasen as consultas sobre os casos que lles chegaban ao centro de saúde aos especialistas, e estes contestasen, ben indicando máis probas, unha derivación a consulta presencial co especialista ou ben apuntando cara a algún tratamento sen necesidade de que o paciente se desprazase.


Ademais do contacto diario vía informática cos médicos de familia, unha vez ao mes lévanse a cabo consultorías cos endócrinos para falar de temas clínicos, inicialmente en reunións de presenza física e na actualidade xa utilizando os sistemas de cámaras web. 


En xuño pasado revisouse o plan piloto e a valoración «foi boa - subliña Teresa Martínez Ramonde, xefe de Endocrinoloxía do Chuac- polas dúas partes. Comprobouse que o método resolvía problemas con moita maior inmediatez, sen ter que esperar a que ao paciente lle chegase a cita cos especialista, e «ademais aprendemos moito», engade a doutora. A iso sumáronse as cifras: as derivacións ao endócrino diminuíron un 17%. «A vantaxe xa non é derivar ou non ao paciente, que hai que facelo cando é necesario, é sobre todo resolver dúbidas e facilitar a asistencia ao enfermo, recalca Teresa Martínez.


Nese momento, decidiuse estender o modelo ao resto da bisbarra da Coruña, primeiro dando a coñecer o proxecto. A mediados de outubro os endócrinos comezaron a percorrer un por un os centros de saúde e dende novembro aténdense todas as e-consultas e para todos os trastornos relacionados coa especialidade, non soamente a diabete.


Son seis os endócrinos adscritos ao programa, que se encargan de dar resposta ás consultas que chegan dende os centros de saúde de toda a bisbarra coruñesa. A mecánica é que todos os días da semana se dá contestación ás cuestións formuladas polos médicos de cabeceira, xa que nada máis abrir o programa informático aparece o listado de teleconsultas pendentes. Cada día é un médico o encargado de resolver as dúbidas da súa cota de facultativos de familia, así como todas aquelas consultas urxentes, aínda que correspondan a outro especialista. En apenas tres semanas, pois o reconto se realizou o 8 de decembro, foron 150 as consultas atendidas a distancia.


Cuestións como as puncións de tiroide, que ata agora requirían varias citas no centro de especialidades do Ventorrillo, na Coruña, experimentaron resultados que foron revisando unha axilización notable. «Estudar un nódulo e que lle chegase o informe ao médico de familia... podía pasar ata un ano- explica Teresa Martínez-, agora, con este sistema resólvese cunha soa cita ao enfermo e o informe metémosllo directamente ao médico de cabeceira na historia clínica electrónica». 


«Os médicos de familia son profesionais moi preparados e moi capacitados, e o noso obxectivo é que todo aquel paciente que poida ser atendido no seu centro de saúde non teña que desprazarse ata aquí», subliña a especialista antes de enumerar as dificultades que pode supoñer, mesmo economicamente, moitos enfermos ter que coller un medio de transporte para acudir ao endócrino cando ao mellor non é necesario se no centro de saúde dispoñen de toda a información e as indicacións do especialista. Para o equipo de endócrinos supón ademais, de cara ao futuro, a posibilidade de «programar consultas máis concretas e aumentar a atención a pacientes que necesitan unha asistencia máis especializada, como os cancros ou a diabete xuvenil,» exemplifica Martínez.


O programa seguirá progresando e a idea é que a partir do segundo cuadrimestre deste ano «todos os pacientes novos que entren nas nosas consultas sexan a través da telemedicina». 

Tema: Xeral
Fonte: La Voz de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal