Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Sinatura do convenio

O 112 xa permite acceder aos servizos de emerxencias ás persoas con discapacidades auditivas e da fala

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/02/14 (10:00)

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda ven de asinar coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia un convenio de colaboración que facilitará o acceso das persoas con discapacidades auditivas e da fala aos servizos de emerxencias.


Rueda estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e explicou que de xeito inminente porase en marcha un sistema para que as persoas xordas poidan acceder ao teléfono 112 en igualdade de condicións que todo o mundo, a través de mensaxes e chats de texto.


Con esta medida, unha das recollidas no convenio, corrixirase un déficit histórico e garantirase por primeira vez en Galicia que, ante unha situación de emerxencia, calquera persoa con discapacidades da fala ou auditiva poida contactar co centro de atención ás emerxencias e ser atendido de inmediato.


Trátase pois, dun paso máis a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre todas as persoas -neste caso nun ámbito tan fundamental como o das emerxencias- e sitúa a Galicia á vangarda, como xa ocorreu cando o 112 galego foi elixido para participar nun proxecto europeo pioneiro,dirixido a que calquera cidadán da Unión Europea con discapacidade poida comunicarse cos 112 de toda Europa.


Asesoramento e asistencia


Ademais desta atención no 112, o convenio tamén busca fomentar a participación deste colectivo nas tarefas de protección civil e seguridade cidadá, prestando o seu asesoramento e asistencia na xestión de incidencias ou emerxencias na que se vexan involucrada persoas xordas, xordocegas e con discapacidade de fala.


Para garantir estes obxectivos, a Axega tamén promoverá a formación básica no coñecemento da lingua de signos entre o persoal do CAE 112; habilitará un acceso directo á páxina web www.axega112.orgnova venta no portal web da FAXPG -que permita coñecer de xeito inmediato toda información relativa á emerxencias e protección cidadá-; e promoverá o estudo e investigación de novas solucións que garantan a accesibilidade aos servizos por parte deste colectivo.


Pola súa banda, a FAXPG asesorará ao persoal do 112 na xestión de incidencias ou emerxencias cando a persoa incursa nunha situación de risco teña unha discapacidade auditiva e de fala; facilitará o servizo de intérpretes de lingua de signos cando a situación o requira; proporcionará formación básica en lingua de signos ao persoal que presta os seus servizos no 112 e porá a disposición deste os seus servizos de comunicacións e instalacións para dar a máxima difusión entre os asociados das alertas de diversa natureza e que incidan directamente no eido da protección cidadá.


Por último, o acordo recolle a colaboración conxunta dos dous organismos na promoción e a realización de campañas de información e sensibilización en materia de protección cidadá e xestión das emerxencias; e sinala que no suposto de emerxencias graves e se vexan involucradas persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva, a FAXPG facilitará, na medida das súas posibilidades, os seus servizos de interpretes de lingua de signos que se integrarán na sala de crise no CAE 112 ou centro de coordinación que se constitúa durante o tempo que se considere necesario.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal