Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Norma europea de Accesibilidade para productos e servizos de Tecnoloxías da Info

Apróbase a primeira norma europea de Accesibilidade en Tecnoloxías da Información

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/02/14 (09:29)

Os organismos europeos de Normalización CEN (Comité Europeo de Normalización), CENELEC (Comité Europeo de Normalización Electrotécnica) e ETSI (Instituto Europeo de Normalización das Telecomunicacións) aprobaron a primeira norma europea de Accesibilidade para produtos e servizos de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).


A norma EN 301 549: Requisitos de accesibilidade axeitados para a contratación pública de produtos e servizos TIC en Europa, establece os requisitos funcionais que garantirán que os produtos e servizos TIC sexan accesibles para todas as persoas; por exemplo, dende un teléfono móbil, ata ordenadores, pasando por páxinas web. Os requisitos para a web baséanse nas directrices de accesibilidade de contidos web WCAG 2.0, desenvolvidas por W3C, estando en liña cos indicados na norma española UNE 139803, 'Requisitos de accesibilidade para contidos na Web'. Ademais, a norma europea describe os procedementos de ensaio e a metodoloxía de avaliación de cada un deles.


O documento, cuxa publicación está prevista ao longo de febreiro, está orientado tanto a compras públicas coma ao resto de usos; de feito, a directiva europea de compras públicas, recentemente aprobada polo Parlamento Europeo, considera a aplicación de requisitos de accesibilidade para as persoas con minusvalidez. A norma será adoptada proximamente ao catálogo español como UNE-EN 301 549 por parte de AENOR, a entidade legalmente responsable do desenvolvemento das normas técnicas en España.


Os expertos españois tiveron unha destacada participación, no desenvolvemento deste documento europeo. Así, AENOR, o representante español ante os organismos internacionais de normalización, desempeña a Secretaría do grupo de traballo europeo responsable dos traballos. 


Ademais, Cristina Rodríguez-Porrero, Directora do CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas) desempeña a vicepresidencia do devandito grupo de traballo, ao igual que Óscar Querol, Director Técnico de AFME (Asociación de Fabricantes de Material Eléctrico). Así mesmo, o español José Angel Martínez Usero liderou un dos dous equipos de traballo constituídos, mentres que Loïc Martínez Normand participou moi activamente no desenvolvemento do documento.


O Grupo de Traballo Conxunto responsable dos documentos está composto por unha mostra moi representativa das partes interesadas: empresas líderes do sector (Microsoft, IBM, Blackberry, Adobe, Nokia ou Siemens, entre outras), organizacións independentes (W3C), asociacións de usuarios e de persoas con minusvalidez (EDF, ANEC), universidades (UPM -Universidade Politécnica de Madrid-) ou a Administración Pública (Comisión Europea, Ministerio español de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade), entre outras.


As normas técnicas conteñen as boas prácticas e o consenso do mercado respecto á mellor forma de abordar procesos importantes para as organizacións e para a sociedade en xeral e, polo tanto, reducen notablemente a incerteza empresarial á hora de afrontar un novo mercado ou proceso. As normas elabóranse coa participación das partes implicadas en cada caso e son froito do consenso.


Ademais desta norma europea, tamén se aprobaron tres informes técnicos que a complementan:



  • TR 101 550 'Documentos correspondentes á norma EN 301 549 'Requisitos de accesibilidade axeitados para a contratación pública de produtos e servizos TIC en Europa'.

  • TR 101 551 'Pautas para o uso dos criterios de concesión relativos á accesibilidade axeitados para a contratación pública de produtos e servizos TIC en Europa".

  • TR 101 552 'Directoras para a avaliación da conformidade nos requisitos de accesibilidade para a contratación pública de produtos e servizos TIC en Europa'.

Tamén se está a desenvolver unha ferramenta informática online que axudará a que, en función dos requisitos funcionais que se precisen, se poidan elaborar listas á medida dos requisitos aplicables, aglutinando a información máis relevante dos catro documentos. 

Tema: Xeral
Fonte: AENOR
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal