O 81 por cento das persoas maiores con coñecementos tecnolóxicos queren vixiar a súa saúde con ferramentas dixitais, segundo mostrou unha enquisa realizada por Accenture a 9.015 persoas maiores de idade pertencentes a Alemaña, Australia, Brasil, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Inglaterra e Singapore, incluíndo a 220 españois maiores de 65 anos.
Así mesmo, o estudo desvelou que ao 78 por cento lle gustaría ter recordatorios electrónicos sobre os seus tratamentos e ao 87 por cento lle gustaría pedir as citas médicas por Internet.
O número de persoas maiores en España está a aumentar e moitos deses cidadáns son usuarios activos de Internet. Ademais, a Comisión Económica das Nacións Unidas estima que o uso de Internet se triplicou dende 2006 entre as persoas con idades por enriba dos 60 anos.
Neste sentido, a investigación de Accenture indicou que o 57 por cento destes cidadáns controla os seus propios indicadores de saúde, como o peso ou a presión sanguínea, e que máis dun de cada tres (38 por cento) fai un seguimento da información na súa historia clínica.
"Do mesmo modo que utilizan Internet para operacións bancarias, compras, ocio e comunicacións, as persoas maiores tamén queren controlar de forma virtual determinados aspectos dos seus servizos sanitarios. Iso significa que os sistemas de saúde deben ofrecer máis opcións dixitais se queren axudar a estes pacientes a vixiar a súa saúde fóra da consulta do médico", comentou o 'managing' director de Accenture para o sector sanitario, Baltasar Lobato.
Por outra parte, a gran maioría das persoas da terceira idade enquisadas (91 por cento) asegura que considera importante ter acceso á súa información sanitaria, pero apenas unha terceira parte pode acceder actualmente ás súas historias clínicas. Do mesmo modo, ao 79 por cento dos enquisados gustaríalle ter a posibilidade de renovar as súas receitas por medios electrónicos, pero a día de hoxe só pode facelo o 23 por cento. E por último, a maioría (68%) querería poder comunicarse por correo electrónico co seu servizo sanitario, aínda que só o 16 por cento dispón desta opción.
"Cada vez son máis as persoas maiores que utilizan tecnoloxías dixitais, polo que os sistemas de saúde deberían formularse o papel que pode desempeñar Internet para que o acceso aos servizos sanitarios sexa máis sinxelo para pacientes de todas as idades", resolveu Lobato.
Rexístrate como: