O catálogo de cursos para profesionais elaborado por Confederación ASPACE para este 2014 inclúe 17 novas accións formativas que veñen a reforzar as áreas de fisioterapia, as terapias acuáticas e, especialmente, no campo das novas tecnoloxías aplicadas á parálise cerebral, que incorpora oito novos cursos especializados, consolidando así a aposta de Confederación ASPACE polas novas tecnoloxías.
"Pluridiscapacidade: acceso á comunicación e intervención", "Funcións avanzadas con The Grid", "Control do ámbito para persoas con parálise cerebral", "Acceso alternativo ao ordenador, tablets e teléfonos para persoas con discapacidade" ou "Curso práctico sobre Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación e acceso ás Novas Tecnoloxías" son algúns dos cursos especializados que a partir de agora ofrecerá Confederación ASPACE.
Da mesma forma, incorporáronse dous novos cursos sobre rehabilitación en medio acuático, dous máis sobre novas terapias (movemento rítmico e control motor), outros dous sobre coaching e xestión de persoal, aos que hai que engadir un sobre primeiros auxilios, e outro máis sobre iniciación á lingua de signos.
Cada ano, Confederación ASPACE renova o seu catálogo de cursos para profesionais en función das demandas dos traballadores das entidades ASPACE, co obxectivo de garantir a súa especialización e a súa formación continua, pois a experiencia e profesionalidade dos traballadores que atenden ás persoas con parálise cerebral é o maior garante do benestar do colectivo.
Neste 2014, Confederación ASPACE quere ademais ofrecer aos seus máis de 4.000 profesionais, formación especializada en novas tecnoloxías, pois grazas a solucións innovadoras, as persoas con parálise cerebral poden comunicarse, acceder á información dispoñible en internet ou usar dispositivos móbiles que ata agora lles resultaba imposible.
Para desenvolver este tipo de innovación, Confederación ASPACE creou en 2011, co apoio de Fundación Vodafone España, #ASPACEnet, un programa especializado en novas tecnoloxías aplicadas á parálise cerebral, e dentro del, unha primeira edición do Concurso para Desenvolvedores informáticos cuxo obxectivo é encontrar solucións a tres retos tecnolóxicos formulados por Confederación ASPACE.
Rexístrate como: