Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Identificación de predadores sexuais

O CITIC protexe aos menores achegando tecnoloxía para detectar predadores sexuais na Rede

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/01/14 (08:54)

O noso xeito de relacionarnos e formarnos non cabe dúbida de que mudou dende o afianzamento nas nosas vidas da cultura de Internet e a interactividade. Isto tivo as súas vertentes positivas evidentes, pero tamén deu marxe para a introdución de malos hábitos, a fin de contas tanto as tecnoloxías como outros tantos recursos poden funcionar mellor ou peor dependendo do uso que lles deamos: nós somos os que temos a última palabra. No lado máis negativo, os devanditos cambios permitiron a entrada no escenario en liña dos predadores sexuais. Para combatelos, a Área de Busca e Recuperación da Información do CITIC está a traballar na actualidade nun proxecto de investigación que identifica estes perfís en chats e sistemas de mensaxería que cada vez son máis habituais: adultos que se fan pasar por nenos para poñerse en contacto con menores, polo que a súa rápida identificación resulta fundamental para paliar este problema.


En definitiva, informa o CITIC, “trátase de detectar as persoas que enganan xa que os predadores recorren a esta táctica para entaboar relación cos menores”. Como explica Álvaro Barreiro, investigador responsábel deste traballo, “para poder descubrir a estes predadores, baseamos o noso algoritmo nos datos recompilados pola iniciativa académica CLEF e obtidos da organización Perverted_Justice, asociación dedicada a denunciar adultos que tratan de contactar a menores para realizar encontros de tipo sexual. Baseándonos nos datos obtidos das conversas que mantiveron pseudovítimas con estes suxeitos, podemos detectar a aquelas persoas que acceden aos chats ou redes sociais buscando este tipo de encontros”.


Xunto a Álvaro Barreiro, neste proxecto participan os investigadores Javier Parapar do CITIC e David Losada, do grupo de investigación GSI-USC, que se presentaron con este traballo de identificación á competición internacional CLEF PAN, obtendo moi bos resultados xa que quedaron terceiros.


Novidoso e completo sistema de detección


Este traballo arredor da identificación de predadores sexuais é moi novidoso respecto a outras solucións existentes no mercado, engaden os investigadores do CITIC, xa que enriquece a representación dos suxeitos mediante a asignación dunhas determinadas propiedades que complementan o filtrado de palabras clave, habituais nos sistemas de detección. As novidades son:



  • Propiedades psicolingüísticas: mediante o uso de determinadas palabras poden obterse pistas sobre os estados emocionais e cognitivos dos individuos, o que facilita a detección do engano.

  • Propiedades textuais: estatísticas do uso de palabras e grupos de palabras.

  • Propiedades conversacionais: diferentes características relacionadas coa actividade dos suxeitos no chat, como a duración, frecuencia ou patróns temporais.

Segundo explican os investigadores do centro de I+D coruñés, un dos aspectos máis positivos desde traballo radica en que completa os filtros habituais de palabras que soen empregarse, aquelas que inclúen contido obsceno pero deixan fóra comportamentos ou actuacións. “Os chats e redes sociais nos que participan menores constitúen novas oportunidades que atopan estes predadores para localizar vítimas. Se o moderador dun destes chats pode autoriza-lo uso deste software, o entorno no que se desenvolverían as conversacións sería moito máis seguro. Incluso se podería implantar en ordenadores domésticos para complementar o control parenteral”, apunta Álvaro Barreiro.


Moitas veces só se ven os aspectos positivos que xera Internet e as novas tecnoloxías, pero ás veces esquécense os novos riscos que implican. Dende o CITIC trabállase por unha Internet segura, sen riscos na navegación para os máis pequenos e pola consecución dun entorno protexido que favoreza o benestar e a tranquilidade.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal