Por que eu non podo ler un libro e gozalo igual que os demais?, por que non podo ler este libro que me recomenda o meu profesor/a, como o resto de compañeiros/ás de clase? Calquera persoa con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento podería facerse estas preguntas. Por que a cultura é accesible só a uns poucos?
Segundo a Enquisa de Integración Social e Saúde, recentemente publicada polo INE con datos de 2012, un 69% de persoas con discapacidade ven limitada a súa participación en actividades de ocio ou culturais por motivo da súa condición. Así mesmo, o informe "Cultura para Todos", realizado en 2010 polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, advertía que o 17,96% das persoas con discapacidade en toda España se senten discriminadas neste tipo de actividades culturais, de ocio ou diversión (datos correspondentes á Enquisa IDADE 2008 do INE). Outro dato significativo no mesmo estudo indícanos que, de todas estas persoas, case un 30% non pode participar a causa da súa discapacidade, e dentro desta porcentaxe a lectura, é o acto cultural máis discriminado (cun 8% do total).
Para intentar transformar esta realidade FEAPS iniciou o proxecto "LEO DOADO", co obxectivo xerar acceso á lectura e á cultura a colectivos con dificultades de comprensión lectora e persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, promovendo o poder da lectura como elemento educativo, de ocio e de porta cara á imaxinación e o cambio.
Para iso, o proxecto abrirá dúas liñas: "Leo doado educativo", dirixido a profesores de calquera aula que utilice a lectura como método educativo; e "Leo doado Ocio", dirixido a lectores que queiran gozar de novos títulos en lectura doada.
FEAPS abriu un sistema de votación online entre profesores e lectores para elixir os dous primeiros títulos que se farán accesibles nestas dúas liñas, entre unha lista que inclúe varios títulos do escritor de "best sellers" Jordi Serra i Fabra, e clásicos da literatura como "O monte das ánimas e Raio de Lúa" ou "Prateiro e eu" (http://www.feaps.org/conocenos/ciudadania/accesibilidad/cultura.html)
Os títulos que se editen estarán dispoñibles en formato aplicación para calquera tipo de dispositivo (tabletas, libro electrónico, ordenador ou móbil), en todos os idiomas oficiais e de xeito totalmente gratuíto.
Esta iniciativa conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (Subdirección Xeral da Industria Cultural e do libro. Secretaría de Estado de Cultura), e o apoio da empresa de tecnoloxía ONECLICK e a Cooperativa ALTAVOZ (unha iniciativa emprendedora pioneira en España, xestionada por persoas con discapacidade intelectual para e seo autoemprego).
Rexístrate como: