Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aplicacións para a saúde

Os médicos españois xa 'recetan' aplicacións de saúde

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 09/01/14 (08:12)

Rápidas, baratas e sinxelas. As aplicacións son ferramentas cada vez máis utilizadas por cidadáns de todo o mundo. Os temas son múltiples e variados, dende a carteleira de televisión actualizada por horas pasando pola redes sociais ou buscadores de casas. E parece que a saúde non se queda atrás e cada vez son máis médicos os que se atreven a recomendar aos seus pacientes algunha app relacionada coa saúde.


Así se desprende do último Informe Socialogue de IPSOS, realizado en 27 países de todo o mundo, incluída España, e no que se identificou que o 26% dos españois utiliza aplicacións de saúde e benestar recomendadas por algún especialista.


Aínda que a priori pode parecer demasiado elevada a cifra dos consumidores de apps de saúde, a dimensión da oferta pode explicar que cada vez sexan máis as persoas que optan por esta funcionalidade do seu móbil ou do seu tablet: Só en AppleStore había a finais do pasado verán algo máis de 40.000 apps dedicadas a saúde.


Tal e como explica Mercedes Abizanda, presidenta da Sociedade Española de Médicos de Antención Primaria (Semergen) en Cataluña, cada vez son máis os pacientes que preguntan ao seu médico de cabeceira por algunha aplicación deste tipo. "Sempre pensamos que os máis interesados poden ser os mozos, pero non son os únicos. Agora os de máis idade estanse a incorporar ao campo tecnolóxico, e non hai quen os pare. Ademais, moitos deles aprenden cos seus netos a manexar tabletas e teléfonos e non se lles dá mal", asegura.


Como médico de familia indica que "sempre que veña dun ámbito de prestixio, proveniente da medicina baseada na evidencia, non temos ningún problema en recomendar aos pacientes que utilicen as apps. Todo o contrario. Os médicos buscamos que os pacientes se fagan máis responsables da súa enfermidade. Estas ferramentas son complementarias ao que xa estamos a traballar, é dicir, a un enfoque que potencie que o paciente estea formado e informado na súa enfermidade. É a medicina do futuro, aínda que xa ten moito de presente". 


Para a elaboración do informe de IPSOS, realizáronse entre 500 e 1.000 entrevistas en cada un dos 27 países seleccionados, a adultos cuxa idade estaba entre os 18 e 64 anos. Deste xeito, púidose comprobar que, a nivel global, os expertos asiáticos son os máis avanzados neste aspecto. O 49% dos indios e o 46% dos chineses recoñecen que utilizan aplicacións móbiles de saúde e benestar. No outro extremo encóntranse países como Noruega (1%), Holanda (3%) ou Suecia (5%), onde o uso destas apps é case nulo.


España, cun 26% dos seus cidadáns empregando estas aplicacións por recomendación médica, sitúase así por diante de Francia (17%), Alemaña (13%), Bélxica (12%) ou Gran Bretaña (9%), onde os especialistas parecen optar, de momento, por fontes máis clásicas á hora de ofrecer consellos e información sobre saúde.


Non obstante, como recoñece Abizanda, "en España estanse a desenvolver apps propias relacionadas con determinadas patoloxías. Por exemplo, o Hospital San Juan de Dios de Barcelona elaborou unha sobre consellos pediátricos. Hai outras vinculadas a patoloxías crónicas que é onde creo que poden funcionar moi ben", asegura. 


A calidade tamén se encontra detrás dalgunhas destas aplicacións con selo español. Así se recoñeceu nos 'Mobile for Good Europe Awards' onde a aplicación española Contigo, desenvolvida pola empresa Wake App Health, foi galardoada como mellor app na categoría de saúde. Como sinala a doutora Laura García Estévez, impulsora do proxecto e a supervisión do contido, en cuxa elaboración participaron 15 profesionais sanitarios, "a esencia de Contigo é a fusión da información científica e veraz, expresada con palabras e infografías, cos testemuños reais de mulleres que sufriron o cancro de mama,".


Esta aplicación, que foi tamén galardoada o pasado mes de outubro nos premios internacionais TAB Innovation como mellor app en español para tablet na categoría de saúde, se alza así como unha ferramenta innovadora e de grande utilizada para todas aquelas mulleres que están a afrontar esta enfermidade, así como para os seus familiares. Pódese obter de forma gratuíta para iPad a través da App Store.


Este ano presentáronse a estes premios, organizados por Vodafone Foundation, xunto con AGE Platform Europe e o European Disability Forum, 224 candidaturas (91 eran españolas), das que foron elixidas 12 finalistas, tres polas catro categorías: saúde, accesibilidade, servizos públicos e educación. Nesta última categoría, tamén houbo premio para unha app española, a denominada Dyseggxia, realizada por Cookie Cloud, que vai dirixida aos nenos con dislexia para superar, a través do xogo, as súas dificultades para ler e escribir.

Tema: Xeral
Fonte: Clúster Saúde de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal