Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
App Mis recuerdos

Indra crea unha aplicación para axudar a conservar recordos a persoas con alzhéimer


  • A solución permite asociar imaxes, vídeos, textos ou música con persoas e lugares que resulten claves na vida dos usuarios. 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/12/13 (09:01)

Indra lanzou Mis recuerdos, unha aplicación para tabletas Android e Apple, desenvolvida pola súa división Software Lab de Salamanca, que axuda a conservar os recordos a enfermos de alzhéimer e persoas maiores.


Segundo informa a empresa nun comunicado, a principal achega da ferramenta é a súa capacidade para asociar imaxes, vídeos, textos e música con persoas próximas ao usuario (familiares, amigos ou coidadores, fundamentalmente), así como a lugares que tamén poidan estar vinculados a importantes vivencias do paciente.


A aplicación está na actualidade en fase de validación con casos reais grazas á colaboración coa Fundación Vianorte-Laguna, que conta cunha unidade de rehabilitación e estimulación cognitiva de enfermidades neurodexenerativas en Madrid. Ademais, Indra está a traballar para facilitar o acceso á aplicación a través da nube.


A compañía sinala que a aplicación é de uso sinxelo. A pantalla de benvida presenta un contido aleatorio (unha persoa, lugar ou un recordo), que enlaza coa sección correspondente. A través do dispositivo, o usuario accede aos contidos nas seccións, que se presentan en forma de ficha, cun nome e unha descrición e que ademais teñen asociadas unha serie de imaxes e vídeos, que se poderán reproducir directamente na aplicación. Por exemplo, a fotografía do fillo do usuario, con datos persoais e da súa profesión, e o enlace a un vídeo dunha celebración familiar


Asociación musical


Así mesmo, conta cunha sección de música que inclúe unha lista con todas as cancións do dispositivo que se poderán reproducir ao pulsar sobre elas. O administrador poderá asociar a cada canción unha imaxe, de maneira que axude a evocar recordos ao enfermo. Desta forma, poderíase asociar unha fotografía da esposa ou da voda do paciente á canción preferida do matrimonio previamente gravada no dispositivo.


Outra das seccións é unha ficha do día que inclúe breves notas que axudan á persoa a recordar os seus quefaceres diarios, ademais dun resumo sobre o que fixo a xornada anterior. O usuario pode ir borrando accións da lista a medida que as vaia realizando para evitar a súa repetición.


Tamén existe a opción de que esta ficha se obteña de forma automática se se conecta aos sistemas de información dos centros coidadores, indica Indra.


Axuda á localización


Outra das achegas da aplicación é a axuda á localización das persoas que se extraviaron ou están en risco de facelo. O servizo Me perdín permite ao usuario chamar ou enviar unha mensaxe SMS a unha persoa de contacto predefinir no smartphone cando non sabe onde se encontra para que o vaian buscar.


O dispositivo tamén integra un servizo de localización que enviará un SMS de forma automática en caso de que a persoa saia dun perímetro establecido. Esta aplicación permite establecer un punto de referencia e unha distancia máxima que a persoa non debe superar. Se se supera esa distancia, notificarase ao usuario, e enviarase unha mensaxe coa súa localización actual á persoa de contacto. Para iso só será necesario que o smartphone estea conectado a internet e dispoña de GPS.


Esta iniciativa enmárcase no programa Prol Bono de Indra, centrado en aplicacións con repercusión social. 

Tema: Xeral
Fonte: Sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal