Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Apoio tecnolóxico para superar os trastornos da alimentación

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/12/13 (08:41)

A Universidade Pontificia de Salamanca desenvolveu unha aplicación para móbiles denominada Mealbook que pretende mellorar o manexo dos trastornos da alimentación, como a anorexia, a bulimia e outros problemas. Unha das ferramentas psicolóxicas que se utilizan é o autorregistro, que consiste en anotar datos sobre as inxestións de comida do paciente e as súas sensacións ao respecto, pero este proxecto permite que esa información se poida almacenar no móbil, de forma moito máis cómoda e efectiva para a persoa afectada e tamén para os profesionais que se encargan do seu tratamento.


Ata agora, os pacientes anotan en papel "datos sobre os alimentos que toman e sobre pensamentos que teñen en torno ás comidas", explica a DiCYT Pablo Riesco Matías, alumno de 4º do Grao de Psicoloxía e un dos responsables desta iniciativa que se enmarca dentro do Clube Universitario de Innovación da institución académica.


Non obstante, "é pesado utilizar lapis e papel", recoñece Raquel Bermúdez López, licenciada en Psicoloxía e Máster de Investigación en Ciencias Sociais que tamén forma parte do proxecto. Por iso, "mediante a aplicación móbil facilitaremos esta tarefa".


Por outra parte, ter esta aplicación en móbiles e tabletas ofrece tamén moitas posibilidades para os profesionais da Psicoloxía e da Psiquiatría. Vainos permitir obter unha información inmediata e ademais moi exacta daqueles parámetros que nós necesitamos medir nun paciente, como son que comidas fai, como se sente cando come ou se considera que se descontrolou ou non", sinala Mª Ángeles Gómez Martínez, profesora da Facultade de Psicoloxía e codirectora deste proxecto. "Eses parámetros inmediatos e exactos vannos permitir monitorizar moito mellor os tratamentos que hoxe en día se mostraron eficaces", engade. 


A proposta destaca por ter un carácter multidisciplinar, coa participación das facultades de Psicoloxía, de Comunicación e de Informática. O meu papel na aplicación foi implementar en Android as variables que os psicólogos necesitaban que tivese a aplicación. Ademais, creei un servidor para almacenar os datos e que se poida acceder a eles dende unha páxina web", indica Fidel López Gómez, alumno de 4º de Enxeñaría Informática.


Nunha aplicación deste tipo non só son importantes a tecnoloxía e o contido, senón tamén a forma de presentalo de cara ao usuario, así que o deseño, a través da elección de cores ou tipografías, é unha peza esencial. "O meu obxectivo neste proxecto é dotar dunha personalidade á aplicación", asegura Juanita Romero Taborda, alumna de 4º de Publicidade, cuxo obxectivo é que a tarefa sexa un pouco máis dinámica e atractiva para os pacientes.


"Ogallá todos os proxectos que facemos na universidade fosen integradores, como o é este, unindo a disciplinas diferentes, unindo tamén a investigación científica e unindo o desenvolvemento final nunha aplicación como esta, que ten unha clara saída no mercado," agrega Juan Ramón Martín, profesor da Facultade de Comunicación. 

Tema: Xeral
Fonte: DICYT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal