Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Fundación Averhó

A Xunta inviste preto de 400.000 euros para apoiar un programa de formación de animación 3D para persoas con discapacidade


  • A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, inaugurou hoxe na Coruña a xornada ‘Ciencia, tecnoloxía e discapacidade’ que organiza a Fundación Averhó

  • A Consellería de Traballo e Benestar leva a apoiar esta iniciativa desde o ano 2010 e ata o de agora xa recibiron formación 30 alumnos e alumnas con discapacidade

  • Díaz López destacou que esta entidade sen ánimo de lucro está a contribuír con este curso de formación á inserción laboral deste colectivo no sector audiovisual

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/12/13 (08:24)

A Consellería de Traballo e Benestar volveu a colaborar este ano coa Fundación Averhó para apoiar un programa de formación para persoas con discapacidade, que ten por obxectivo ofrecer unha formación especializada aos mozos e mozas con mobilidade reducida para a súa incorporación laboral ao sector audiovisual. Desde 2010 e ata o de agora xa recibiron esta formación 30 persoas. O departamento autonómico leva desde 2010 financiando esta iniciativa na que xa investiu preto de 400.000 euros.


Así o destacou hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, na inauguración na Coruña da xornada ‘Ciencia, tecnoloxía e discapacidade’ que organiza esta entidade sen ánimo de lucro.


Este programa, que apoia a Consellería de Traballo e Benestar, permite aos seus participantes formarse nun ámbito “con boas expectativas de inserción laboral”, destacou Díaz López, quen apostilou que a formación que se imparte, ademais, é de “altísima calidade”. En definitiva, resaltou que a finalidade deste programa de formación é incorporar a persoas con mobilidade reducida ao mercado de traballo no ámbito das TIC, aproveitando a situación favorable da demanda no mercado mundial de produtos 3D e facilitando a integración social das persoas con poucas oportunidades laborais. A acción formativa impartida ao longo dos últimos catro anos tivo unha duración de 2.705 horas lectivas.


A responsable da área autonómica, por último, fixo referencia a que unha das principais actuacións do departamento autonómico é colaborar con este colectivo na inserción laboral, xa que explicou que un posto de traballo é, para todas estas persoas, o piar esencial desde o que desenvolver o seu proxecto de vida, xa supón o acceso non só aos recursos económicos, senón tamén ao intercambio social e ao crecemento persoal.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal