La Voz de Galicia fíxose eco da xornada "Novos perfís profesionais na Era Dixital" organizada pola Amtega o pasado 5 de decembro.
O emprendimiento no ámbito dixital non é a panacea da que se falaba hai anos, pero segue habendo cabida na nova burbulla das punto com para desenvolver negocios sostibles. Polo menos ese foi a mensaxe que expertos e autónomos lanzaron onte en Santiago a máis dun centenar de oíntes. Aínda queda moito aire dentro da burbulla e, sempre que haxa un proxecto viable detrás, esta ofrece grandes vantaxes para os empresarios.
«Segue habendo moitas oportunidades na Rede, sobre todo para comezar. Só é necesario buscalas e rodearse de xente que che axude», sentenciou Juan Merodio. O reputado experto en mercadotecnia dixital e redes sociais transmitiu unha mensaxe cargada de positivismo na conferencia que abriu a xornada Novos perfís profesionais na era dixital, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) con motivo da celebración do día internacional do voluntariado.
«En calquera caso -fixo fincapé Merodio-, tes que ter claro o que queres ser e todo o que esixe ser empresario: hai xente á que lle produce verdadeira angustia non poder desconectar e decide que non serve para isto», apuntou.
Mesmo no ámbito dixital, que non esixe de entrada un local comercial ou grandes desembolsos, a falta de financiamento segue sendo o pero máis recorrente entre o patio de butacas.
«Antes non había o pánico de hoxe á crise»
Ata nove profesionais galegos que alcanzaron o éxito no ámbito tecnolóxico compartiron as súas experiencias cos asistentes á xornada de Amtega e asesoráronos en canto aos seus casos particulares. Cada un, achegando a visión do campo no que desenvolveu o seu proxecto.
O de Pablo López Domínguez naceu hai nove anos. Comezou en solitario, compaxinando a creación de Hacce Soluciones TIC con outros traballos. «Daba clases particulares, formación informática, traballaba de carteiro para Correos,... coa ralentización que supuxo a priori para a empresa, que se estableceu un ano despois,» relata o vigués. Malia este inicio pausado, hoxe traballan oito persoas na firma -focalizada no deseño e interacción de páxinas web- que xa se encontra plenamente consolidada.
Similar é o caso de José Alcañiz, o xerente da central de reservas de hoteis Buscadestinos.com. A súa empresa, con tan só cinco persoas en equipo, opera en España e Portugal e busca actualmente internacionalizarse.
Buscar a especialización
Distinguiunos dende o principio centrarnos nun enfoque de nicho: especializándonos nos paquetes de escapadas», sinala Alcañiz. O economista recoñece que o panorama cambiou moito nos últimos tempos. «Cando empezamos, hai sete anos, tirámonos á piscina porque non había o pánico de hoxe á crise: todos eramos ricos, tiñamos dous coches e debiámoslle ao banco trescentos mil euros», indica xocoso.
A visión sobre o complexo mundo dos blogs achegouna David Serantes, firma dun dos blogs de La Voz de Galicia. Para o autor de Serantes & Cía, a clave para chegar ao público nun espazo sobresaturado está tamén en centrarse nun tema concreto (se é o caso, as interioridades dos dispositivos tecnolóxicos), así como ter un deseño propio e xerar contido con certa frecuencia.
Rexístrate como: