Santiago,
19/11/13 (10:27)
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, e a Consellería de Traballo e Benestar, asinarán, mañá mércores 20 de novembro ás 10:00, un protocolo de colaboración no eido da Responsabilidade Social Empresarial coas asociacións empresariais do sector TIC galego: Agasol, Agestic, Clúster TIC e Eganet.
Este protocolo enmárcarse nas actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver no eido da Responsabilidade Social Empresarial e ten por obxectivos:
- Impulsar á Responsabillidade Social Tecnolóxica: fomentando a difusión e execución de servizos e produtos de tecnoloxía para a saúde, o benestar e o envellecemento activo por parte do sector TIC galego
- Fomento, difusión e posta en marcha de boas prácticas en materia de RSE: lugar de traballo, impacto na comunidade, medio ambiente, ...que repercutan en modelos de innovación na xestión competitivos.
Trala sinatura do acordo, terá lugar unha Xornada sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC, na que os asistentes poderán coñecer de primeira man iniciativas de empresas TIC en catro ámbitos distintos da Responsabilidade Social Empresarial con 4 mesas de debate:
- Boas prácticas RSE eMercado: Responsabilidade Social Tecnolóxica, moderado por AGESTIC e coa participación de Imaxdi, Bahía Software e Wireless Galicia. Falarase sobre o desenvolvemento de respostas tecnolóxicas para as necesidades da sociedade nos ámbitos da saúde, benestar e envellecemento activo, co obxectivo de transformar a sociedade con tecnoloxía para todas e todos.
- Boas prácticas no lugar de traballo moderada por EGANET e coa participación de Instra Ingenieros, Everis e Igalia, na que se falará de boas prácticas de xestión en ámbitos tales como a mellora das condicións laborais e da satisfacción no traballo, conciliación da vida laboral e familiar, igualdade de oportunidades e diversidade, formación e desenvolvemento da plantilla, mellora da comunicación interna, entre outros.
- Boas prácticas de impacto na comunidade moderada por AGASOL e coa participación de Iterdata, Balidea, Abertal e Icarto. Trataranse aspectos como as boas prácticas en ámbitos tales como voluntariado corporativo, integración social e/ou laboral a nivel local, melloras das infraestruturas locais, doazóns en metálico ou en especie a institucións sociais locais, apoio á sociedade nun sentido amplo (poboacións de países en desenvolvemento), ...
- Casos de boas prácticas integrais moderada polo Cluster TIC, e na que participarán empresas do sector TIC que integran a RSE de forma transversal, en todas as funcións do negocio, aliñando as políticas e estratexias de RSE cos valores e obxectivos da empresa. As empresas participantes son Ednon, R e Tecnocom.
A asistencia a este acto está aberta ao público e é totalmente gratuíta. Só é preciso formalizar a inscrición a través do correo electrónico voluntariadodixital@xunta.es.
Para máis información pode consultar o Programa.
Tema: Xeral
Fonte:
Mancomun.org