Fundetec decidiu revisar e actualizar os Premios Fundetec co fin de adecualos á sociedade actual, máis madura dende o punto de vista tecnolóxico que a existente no momento da súa creación e con outro tipo de necesidades e prioridades. Por iso, ademais de seguir recoñecendo o labor de iniciativas destinadas aumentar a penetración e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), consideraranse tamén proxectos enfocados a mellorar ou a diversificar a experiencia de uso do cidadán respecto a estas ferramentas, así como a fomentar o emprego a través delas.
Así mesmo, co fin de impulsar tamén o labor innovador das microempresas do sector tecnolóxico, a Fundación deu cabida nos seus galardóns aos desenvolvementos de start-ups de base tecnolóxica destinados a aumentar a competitividade e produtividade do tecido empresarial español, con especial atención ás pequenas empresas e aos autónomos.
Finalmente, como parte da súa estratexia aliñada co ámbito das smart cities (Fundetec é a Oficina Técnica da Rede Española de Cidades Intelixentes, RECI, dende a súa constitución, en xuño de 2012), decidiu tamén dedicar un capítulo especial dentro dos seus Premios anuais aos proxectos tecnolóxicos destinados a mellorar a xestión municipal e os servizos ao cidadán.
Deste modo, as categorías dos Premios Fundetec 2013 son:
a) Mellor Proxecto de Entidade No Lucrativa para a Cidadanía
b) Mellor Proxecto de Entidade Pública para a Cidadanía
c) Mellor Produto ou Servizo de microempresa de base tecnolóxica para o aumento da competitividade da peme
d) Mellor Proxecto de Entidade Privada para o Fomento da Cidade Intelixente
Presentación de candidaturas
As candidaturas poderán presentarse ata o 13 de decembro de 2013, nos termos en que se recollen nas bases da convocatoria. Deberán corresponder a proxectos que comezasen a executarse a partir do 30 de xuño de 2011 no Estado español e finalizasen ou se encontren como mínimo ao 25% de execución. No caso das start-ups, deberán estar constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2012.
Os catro proxectos gañadores recibirán un trofeo conmemorativo, ao que se engadirá un premio de 6.000 euros no caso das categorías a) e c). A principios de febreiro de 2014 daranse a coñecer os 12 finalistas seleccionados da convocatoria (tres por categoría), e os catro gañadores faranse públicos durante o acto de entrega de premios, que terá lugar o 20 de febreiro en Madrid.
Un xurado composto por importantes personalidades de referencia no sector tecnolóxico será o encargado de elixir os galardoados, sobre a base de criterios como a innovación e orixinalidade do proxecto, o seu impacto na cidadanía, a mellora da calidade de vida dos cidadáns, o fomento da competitividade das empresas ou a mellora da calidade dos servizos municipais.
Máis información en www.premiosfundetec.com
Rexístrate como: