Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Consello Galego para a promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras

O Consello Galego para a supresión de barreiras informa favorablemente do anteproxecto de Lei de accesibilidade


  • A xuntanza, que foi presidida pola conselleira de Traballo e Benestar, tivo lugar hoxe e supón un dos trámites finais desta normativa, antes de ser aprobada polo Consello da Xunta e enviada ao Parlamento


  • A nova norma será máis global que a anterior e incorporará ámbitos que non estaban regulados no texto de 1997


  • En concreto, engadirá referencias á sociedade da información, ás telecomunicacións e ao acceso aos bens e servizos das Administracións Públicas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 30/10/13 (09:53)

O Consello Galego para a promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras – formado por representantes de varios departamentos da Xunta, de entidades de discapacidade, de concellos e do Colexio Oficial de Arquitectos- mantivo hoxe unha xuntanza co obxectivo de avaliar o novo anteproxecto da Lei de accesibilidade. Trala reunión, que foi presidida pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o organismo emitiu un informe favorable sobre esta normativa.


Deste xeito, complétase un dos últimos trámites deste anteproxecto, logo da súa exposición públicas para alegacións e antes de ser aprobado polo Consello da Xunta e enviado ao Parlamento para a súa tramitación neste período de sesións.


Este texto, que xa foi coñecido en setembro como informe polo Consello do Goberno galego, ten como principal obxectivo actualizar e unificar a normativa que existe actualmente nesta materia, co fin último de impulsar unha sociedade inclusiva que garanta a autonomía das persoas con discapacidade e favoreza a igualdade de oportunidades.


A necesidade desta nova normativa derívase de dous factores fundamentais: que o anterior texto foi publicado en 1997, data desde a que se produciron cambios importantes, como a sociedade da información; e que neste tempo xurdiron distintas normas a nivel estatal que é preciso unificar.


Polo tanto, a nova norma parte dun enfoque máis global, porque xa non se centra tan só na eliminación de barreiras arquitectónicas. Coa nova normativa búscase que a accesibilidade sexa universal e que se converta nun deseño para todos. É dicir, que inclúe, por exemplo, o concepto de accesibilidade no ámbito da comunicación co fin de superar tamén barreiras que son menos visibles.


Xa no que se refire a aspectos máis concretos, cabe destacar algunhas novidades que incorpora este proxecto. Entre elas, o texto establecerá que o número de prazas de estacionamento reservado para vehículos que transporten persoas con mobilidade reducida non se verá afectado polas políticas restritivas do aparcamento que se poidan levar a cabo a cabo para fomentar a mobilidade sostible. Tamén se incrementará a porcentaxe de reserva de vivendas adaptadas, no caso da promoción pública, do 3 ao 4 por cento.


En canto ao réxime sancionador, este será o máis rigoroso que permite a lei estatal co fin de frear comportamentos discriminatorios e para favorecer a igualdade de oportunidades.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal