Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Grupo de investigadores encargados do procecto Sleepometer

Unha ‘app’ monitoriza a calidade do sono e detecta a apnea


  • Sleepometer proporciona un primeiro indicio bastante fiable dos síntomas, pero as sospeitas deben confirmarse da man dun especialista.

  • Obtén o primeiro premio no encontro Hacking Medicine do MIT. 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 11/10/13 (09:26)

Os teléfonos móbiles intelixentes (smartphones) convertéronse nun dispositivo imprescindible para o día a día de moitas persoas, tanto no ámbito laboral coma na esfera persoal. Os smartphones permiten comunicarse, pero tamén facer fotos e vídeos, navegar por internet e interactuar por medio das redes sociais, xogar e mesmo coidar da nosa saúde grazas a aplicacións deseñadas con ese fin.


O último destes desenvolvementos centrados na saúde é un software que, tras ser instalado no teléfono móbil, monitoriza o sono nocturno do propietario para saber se padece os síntomas da apnea obstrutiva do sono, unha patoloxía crónica causada por pausas na respiración durante a noite e cuxa principal consecuencia consiste na imposibilidade de gozar dun sono de calidade.


A aplicación, que é obra dun equipo multidisciplinar liderado por Néstor Montesdeoca, especialista da Unidade de Cirurxía Oral e Maxilofacial da Clínica La Luz, obtivo o primeiro premio no encontro Hacking Medicine, un seminario sobre innovación biomédica organizado en Madrid polo prestixioso Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) e a Fundación Madrid+d para o Coñecemento. O software, bautizado como 'Sleepometer', está aínda en fase piloto, pero os seus impulsores esperan que, nun prazo breve, poida estar dispoñible para todas as persoas interesadas. 


Segundo explicou o propio Montesdeoca, as persoas que sofren apnea -calcúlase que 1,5 millóns só en España- non descansan de forma axeitada e durante o día presentan cansazo crónico e episodios de somnolencia. Isto pode carrexar graves consecuencias, por exemplo, nos que traballan con maquinaria perigosa ou ao volante e, en xeral, entre os que exercen profesións de risco. De manterse no tempo, a apnea tamén pode acabar causando hipertensión, problemas cardíacos (incluíndo a morte súbita) e accidentes cerebrovasculares, que se traducen nunha mortalidade do 30 por cento, aos 15 anos no colectivo de pacientes.


O problema é que moitas persoas teñen os síntomas (sobre todo o cansazo crónico e a somnolencia) e viven con apnea do sono sen sabelo. De feito, estímase a apnea do sono afecta en distintos graos a 1,5 millóns de españois, aínda que o 90 por cento segue sen diagnosticar. Grazas a este desenvolvemento calquera persoa poderá saber, polo menos, se pode sospeitar que padece a patoloxía, pois o seu móbil rexistrará o ruído que fai ao durmir, e en concreto a intensidade e cadencia da respiración e os ronquidos, detectando se se pode tratar dun caso de apnea.


"É como ter un anxo da garda no móbil que vai vixiar noso sono para dicirnos pola mañá como foi a calidade do noso descanso e se podemos estar a padecer unha apnea do sono sen sabelo, explicou Montesdeoca. Esta aplicación móbil proporciona un primeiro indicio bastante fiable dos síntomas, pero as sospeitas deben confirmarse da man dun especialista, que será o encargado de confirmalas e diagnosticar a enfermidade a través de probas específicas como a Polisomnografía Nocturna (PSGN), e formular o tratamento máis axeitado. 

Tema: Xeral
Fonte: Redacción Medica
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal