O Director Xeral da ONCE, Anxo Sánchez Cánovas, e o Director da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, presentaron esta mañá a aplicación móbil AudescMobile que permite ás persoas con discapacidade visual acceder á audiodescripción das películas, series, etc., e en xeral facilitar a accesibilidade a calquera produción audiovisual.
A aplicación foi desenvolvida pola empresa S-Dos co apoio do Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT) da ONCE e a Fundación Vodafone España.
A solución ofrece de forma doada e ubicua a audiodescripción nun dispositivo móbil e permite a súa reprodución de forma sincronizada cun vídeo en curso. Esta sincronización realízase baseándose unicamente no audio do título que se está a reproducir, independentemente da plataforma física sobre a que se emite.
Anxo Sánchez Cánovas destacou que "a solución adoptada supón un valor engadido sobre a situación actual xa que permite o acceso á audiodescripción independentemente do medio audiovisual: cine, televisión, internet, DVD, etc. Marca un punto de inflexión na accesibilidade dos contidos audiovisuais para as persoas con discapacidade, porque grazas á colaboración coa Fundación Vodafone se puxo a disposición dos produtores e distribuidores esta ferramenta que permite o acceso aos contidos con independencia da plataforma utilizada.
Por outro lado, dende o punto de vista do usuario final, é de especial relevancia o feito de que o acceso á audiodescripción se poida realizar dende o seu dispositivo móbil, sen necesidade de prover o usuario de ningún outro dispositivo adicional para gozar de xeito accesible ás producións audiovisuais.
En palabras de Santiago Moreno, "a tecnoloxía móbil é clave á hora de lograr unha maior integración social das persoas con discapacidade. Grazas ás TIC os usuarios melloran a súa autonomía persoal e a súa plena integración e amplíase o número de servizos dispoñibles" "para todos".
Qué é a audiodescrición?
A audiodescrición é o sistema que permite o acceso das persoas con discapacidade visual ás producións audiovisuais: películas, obras teatrais, programas de televisión e obras expostas en museos. Engade unha serie de informacións sonoras adicionais que explican ás persoas cegas ou deficientes visuais as accións, xestos, escenarios, vestiarios e outros aspectos relevantes que axuden a comprender mellor a trama ou contido da obra.
Ata este momento, nas salas de cine a sincronización coa banda sonora levábase a cabo inserindo a audiodescripción no propio DCP (Dixital Cinema Package). A emisión na sala do sinal con audiodescripción, require a conexión dun emisor de radiofrecuencia ao proxector (ben sexa dixital ou analóxico). Este sinal é recibido polos receptores que se entregaron previamente aos usuarios.
Este proceso obriga a contar con custosos equipamentos por parte do cine e a realizar configuracións específicas nos proxectores de cine. Esta circunstancia, entre outras, fai que moitas salas de cine sexan remisas a emitir películas con audiodescripción.
Grazas a AudescMobile nin o usuario ten que contar con dispositivos adicionais nin os cines deben realizar instalacións nas súas salas.
Nos últimos anos, a ONCE realiza unha clara aposta pola accesibilidade nas tecnoloxías da información e a comunicación, como medio indispensable para a inclusión social das persoas con discapacidade visual. Esta aposta abrangue todos os ámbitos, dende a vida diaria, educación, emprego e, tamén, o ocio e tempo libre, no que se dá cabida a todos os avances relacionados coa audiodescripción (en museos, salas de arte, teatros, salas de cine, películas...). A ONCE ten un Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT), dende o que se actúa nos campos de investigación, desenvolvemento, avaliación, mantemento e reparación, formación de profesionais, asesoramento, produción, distribución e comercialización de tecnoloxía accesible.
Rexístrate como: