As ferramentas dixitais están xa moi estendidas e poderíase dicir que todas as organizacións que traballan en proxectos de innovación social as utilizan dunha forma ou outra. Pero o concepto de Innovación Social Dixital implica unhas características concretas. Segundo a axencia de innovación británica Nesta, trátase de proxectos que están enfocados dende as comunidades de base, que utilizan as ferramentas dixitais de xeito disruptivo para conseguir un impacto social positivo e crean un efecto multiplicador a través da colaboración en rede.
Baixo estes preceptos, presentouse o 16 de setembro a nova rede europea Digital Social Innovation, dirixida a mapear e crear conexións entre as organizacións e colectivos que realizan proxectos dixitais de innovación social. A intención é tamén entender mellor o potencial das tecnoloxías dixitais neste ámbito para desenvolver recomendacións aos responsables políticos europeos e rexionais.
O espazo inclúe por agora preto de 80 organizacións, e está aberto ás entidades e colectivos que se queiran sumar, enviando información sobre os seus proxectos. Todos os contidos que se recompilen se publicarán en aberto e baixo licenzas Creative Commons para que poidan ser reutilizados. A nova rede, aínda en fase beta, é unha iniciativa liderada por Nesta xunto a Esade, FutureEverything, IRI, Swirrl e Waag Society, e forma parte dunha investigación máis ampla financiada pola Comisión Europea para impulsar a innovación social dixital.
Rexístrate como: