A Consellería de Traballo e Benestar está a traballar para que as persoas maiores poidan disfrutar dun envellecemento activo, pleno e saudable, a través de dúas vías: garantindo unha atención de calidade para as persoas en situación de dependencia e fomentando a prevención.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe na Coruña o Ateneo Xerontolóxico, un foro de debate celebrado con motivo do Día do Maior. Na súa intervención, Mato indicou que para acadar este obxectivo está a poñerse en marcha un novo modelo de atención social que se baseará en catro carteiras de servizos: de atención á dependencia; para persoas maiores ou con discapacidade que teñan autonomía; para a familia e a infancia; e para a inclusión.
Ata o momento, o referente era o edificio, que equivalía por regra xeral a un único servizo. Coa implantación do novo modelo de carteiras permítese que cada instalación poida ofrecer distintos recursos, xa que pasan a acreditarse cada servizo por separado e non o edificio en si mesmo.
En paralelo a estas carteiras, estase a traballar coa planificación dos centros residenciais e a de centros de día, dúas ferramentas que, segundo salientou a titular de Benestar, “sinalan con precisión onde son mais necesarias novas prazas e infraestruturas”.
Neste sentido, nos últimos catro anos puxéronse en marcha máis de 2.800 prazas para maiores e, na actualidade, cómpre reorganizar os centros xa existentes para reforzar as seus contidos e dotalos de mais servizos.
En materia de maiores destaca tamén a tramitación da orde de ingresos e traslados, que permite por aforrar trámites e garantir unha maior axilidade e seguridade xurídica, no que desaparece a utilización da provincia como referente territorial co establecemento de 12 áreas xeográficas.
Isto permitirá respectar, na media do posible, os desexos da persoa maior á hora de escoller praza nunha residencia e regula a posibilidade de que os cónxuxes poidan ingresar no servizo como acompañantes do solicitante principal.
Beatriz Mato referiuse tamén á aposta do departamento autonómico polo envellecemento activo e a prevención da dependencia co obxectivo de retrasar ao máximo a aparición desta situación, ofrecendo aos cidadáns unha atención integral a través da coordinación entre as consellerías de Traballo e Benestar e a de Sanidade, con iniciativas como a Estratexia de cronicidade, o Plan marco de atención sociosanitaria o a Comisión interdepartamental.
En canto á prevención, destaca a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, que conta con 400 medidas ata 2020 coa que está previsto previr ou retrasar a dependencia en 4.000 galegos ata 2020.
Por último, Mato indicou que, para favorecer a prevención, o departamento autonómico apoiase no aproveitamento das novas tecnoloxías. Neste eido puxéronse en marcha 2.500 novos dispositivos de teleasistencia, ata acadar un total de 6.000 en toda Galicia. Así mesmo, estanse a implantar outros sistemas de teleasistencia avanzada como Miavizor, Sam TV ou Telexerontoloxía.
Rexístrate como: