A Consellería de Traballo e Benestar está a colaborar este ano coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) en diversas actuacións que teñen como obxectivo seguir a mellorar a calidade de vida e a integración social deste colectivo. Por iso, a Xunta leva investido nesta federación máis de 6 millóns de euros desde o ano 2009. A colaboración, ademais do convenio anual que se asina para o mantemento da federación e o desenvolvemento dos seus programas e servizos, céntrase nas axudas ao emprego e accións de voluntariado.
Así o destacou hoxe a titular de Benestar, Beatriz Mato, quen presentou na Coruña, xunto co presidente da FAXPG, Iker Sertucha, un sistema online de videoconferencia pioneiro en España, co que colabora o departamento autonómico e a Fundación Repsol. O ‘Servizo de Axente de Recursos Sociais’ permitirá ás persoas xordas realizar consultas de diversa índole (da área social, laboral, educativa...) sen ter que efectuar desprazamentos, polo que, segundo afirmou Mato, esta iniciativa ofrecerá a estas persoas “comodidade, proximidade e calidade”.
Os usuarios desta ferramenta serán atendidos por un experto en lingua de signos que lles ofrecerá a orientación e o asesoramento que precisen. A Federación contratou este profesional tras pasar por un proceso de selección e formación.
A posta en marcha desta iniciativa é posible, tal e como explicou a conselleira, a través do sistema Bidtec de videointerpretación en Lingua de Signos para a accesibilidade nos servizos de atención ao público de empresas e institucións. Este sistema, de feito, está implantando na Xunta, tras unha petición que fixo a propia Federación, segundo lembrou a titular de Benestar.
Por último, a conselleira resaltou que a colaboración do Goberno galego con este colectivo non só se limita ao eido económico e, neste senso, recordou que a Xunta está a traballar na elaboración da nova Lei de Accesibilidade de Galicia que está previsto levar ao Parlamento neste período de sesións.
O novo texto legal actualizará e mellorará a normativa autonómica vixente que data de 1997. Mato apuntou que esta nova lei recolle aspectos “moi relevantes” para as persoas con discapacidade auditiva como, por exemplo, o fomento da supresión de barreiras na comunicación.
Tamén se promove a formación de intérpretes profesionais en lingua de signos e a existencia deste persoal especializado nas administracións públicas. Así mesmo, velarase pola existencia dun plan de medidas técnicas nos medios de comunicación audiovisuais públicos para, por exemplo, a incorporación de subtítulos co obxectivo de garantir o dereito destas persoas á información. Velarase, ademais, pola accesibilidade universal en elementos como a sinatura electrónica e a navegación por páxinas web públicas.
En definitiva, Mato concluíu afirmando que a Xunta seguirá a traballar “de forma coordinada” coas entidades de iniciativa social de Galicia para conseguir “unha integración e igualdade de oportunidades real e efectiva”.
Rexístrate como: