Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello

Feijóo anuncia unha nova carteira de servizos á dependencia neste 2013, que inclúe recursos específicos para cada tipo de usuario e que rompe a barreira que impedía o acceso a menores de 65 anos

 

  • Afirma que este novo modelo permitirá optimizar os recursos existentes; ampliar a oferta de servizos sociais; adaptarse ás necesidades e ao perfil de cada colectivo e unha maior diversificación; “en definitiva, máis persoas atendidas nos centros sociais”
  • Subliña que con esta nova carteira poderán beneficiarse de determinados servizos non só os usuarios dos centros, senón os potenciais demandantes deste recurso en concreto que habiten no contorno
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 09/09/13 (12:25)

O titular do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo avanzou unha nova carteira de servizos á dependencia neste 2013, que inclúe recursos específicos para cada tipo de usuario e que rompe a barreira que impedía o acceso a menores de 65 anos. “Estamos a falar dunha carteira de servizos que poñeremos en marcha no último trimestre deste ano e que permitirá prestar un mellor servizo ás persoas dependentes e ás súas familias, xa que se ofertarán por primeira vez en Galicia recursos específicos para cada tipo de discapacidade; e prestar un servizo máis amplo e accesible a máis persoas, xa que se rompe a barreira de idade que impedía ata agora o acceso a menores de 65 anos”, explicou.

Con estes dous obxectivos, este novo modelo de atención cambiará, en primeiro lugar, o paradigma da prestación dos servizos para as persoas con dependencia, pasando do actual modelo, que acredita os propios centros, a un no que se acreditan os distintos servizos que pode prestar un determinado centro. “Así, por exemplo, nunha residencia ou centro de día, -precisou o presidente da Xunta- poderase acreditar non só o seu servizo de residencia asistencial; senón que será posible acreditar por separado outros recursos como poderá ser o de fisioterapia”.

Isto suporá, segundo afirmou Feijóo, optimizar os recursos existentes; ampliar a oferta de servizos sociais; adaptarse ás necesidades e ao perfil de cada colectivo e unha maior diversificación; “en definitiva, máis persoas atendidas nos centros sociais”. “Ata agora, o que se autorizaba era o centro, non os servizos. Pero a partir de agora, se acredita cada servizo por separado e, en consecuencia, miraremos e inspeccionaremos, auditaremos e autorizaremos distintos servizos que se poidan concluír nun único centro”.

Así mesmo, subliñou que con esta nova carteira poderán beneficiarse de determinados servizos non só os usuarios dos centros, senón os potenciais demandantes deste recurso en concreto que habiten no contorno. Deste xeito, unha residencia de asistencia, por exemplo, seguirá prestando este servizo pero se ademais acredita un servizo de fisioterapia non só atenderá aos seus propios usuarios, senón que tamén poderá atender a outros usuarios externos, sempre que sexan dependentes e teñan unha proposta do seu Programa Individual de Atención.

A oferta da carteira recolle, entre outros: servizos comúns, aqueles que se prestan a calquera persoa con dependencia recoñecida, pero sen un diagnóstico específico (axuda no fogar, teleasistencia, atención diúrna e atención residencial na modalidade básica, etc); e servizos específicos, aqueles deseñados para a atención ás persoas con dependencia debido a algunha causa específica (alzhéimer, discapacidade física, parálise cerebral, etc).

“Galicia, polo tanto, convértese, así, na primeira comunidade que abandona o tradicional dos servizos sociais, que era acreditar centros, por un novo paradigma de servizos sociais que é acreditar servizos de cada centro e non o centro exclusivamente”, incidiu, a modo de resumo; despois de resaltar que a nova carteira rompe tamén a barreira de idade, de tal xeito que, por exemplo, unha persoa por debaixo dos 60 anos cunha enfermidade dexenerativa poderá agora acceder a unha residencia.

O presidente da Xunta concluíu, insistindo en que os usuarios poderán acceder a un menú de servizos flexible. “Estamos a falar dunha ferramenta pioneira, consensuada polo sector e destinada a reforzar os centros, a mellorar a calidade dos servizos e a oferta dos mesmos”.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal