Científicos da Universidade de California (EUA) encontraron un xeito de reverter algúns dos efectos negativos do envellecemento sobre o cerebro mediante o uso dun videoxogo deseñado para mellorar o control cognitivo.
Os resultados, publicados esta semana na revista Nature, mostran como este software en 3D pode mellorar o rendemento cognitivo -o uso de recursos como a percepción, a memoria, o procesamento- en persoas maiores e sas.
Os investigadores manteñen que o xogo proporciona unha medida de apoio científico para o 'florecente' campo do fitness cerebral, criticado pola falta de evidencia de que este tipo de adestramento poida provocar cambios duradeiros e significativos no órgano.
"O achado revela como é de plástico o cerebro envellecido", explica Adam Gazzaley, profesor da universidade americana e un dos autores do traballo. Gazzaley é cofundador da compañía Akili Interactive Labs, que está a desenvolver a próxima xeración do videoxogo.
Na versión actual, os participantes compiten cun coche por unha pista sinuosa mentres que na pantalla aparecen varios sinais de tráfico. Os condutores teñen instrucións de estar atentos a un tipo específico de sinal, sen ter en conta todos os demais, e premer un botón cada vez que apareza ese signo particular. A necesidade de cambiar rapidamente de condución para responder aos sinais-é dicir, a multitarefa- xera interferencias no cerebro que empeora a actuación. É máis, os investigadores encontraron que estas interferencias aumentan dramaticamente durante toda a vida adulta.
Rexuvenecer o cerebro
Non obstante, despois de recibir tres horas á semana de adestramento no xogo durante máis dun mes, os participantes (de 60 a 85 anos de idade) melloraron a súa habilidade ata que esta superou á dunha persoa con veintitantos anos que xogaba por primeira vez.
O exercicio tamén optimizou o rendemento noutras dúas áreas cognitivas importantes: a memoria de traballo e a atención sostida. Ademais, os participantes mantiveron as súas habilidades nos xogos mesmo seis meses despois de que o adestramento rematase.
Segundo conclúen os autores, este estudo proporciona evidencia de como un videoxogo destinado aos procesos neuronais deteriorados se pode utilizar para diagnosticar déficits, avaliar os mecanismos neuronais subxacentes e potencialmente mellorar as capacidades cognitivas.
Rexístrate como: