Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Reclusos dos centros penitenciarios galegos recibirán formación en novas tecnoloxías e software libre grazas ao programa de Voluntariado Dixital da Xunta

  • Voluntarios dixitais da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide impartirán obradoiros TIC a internos de Bonxe, Teixeiro, Pereiro de Aguiar, A Lama e dos CIS Carmen Avendaño e Carmela Arias y Díaz de Rábago
  • O obxectivo é promover a inserción laboral dos reclusos á saída de prisión
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/08/13 (09:38)

O Programa Voluntariado Dixital, en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), entidade colaboradora do Programa, impartirá entre setembro e decembro obradoiros sobre tecnoloxía e software libre nos centros penitenciarios de Bonxe (Lugo), Teixeiro (A Coruña), Pereiro de Aguiar (Ourense), A Lama (Pontevedra) e os Centros de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo e Carmela Arias y Díaz de Rábago de A Coruña.

A iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos”, enmarcada nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, arrancou o pasado mes de xullo no centro penitenciario de Monterroso, en Lugo, no que 10 internos recibiron formación da man dos integrantes de MELISA.

O proxecto ten como obxectivo promover a inserción laboral dos reclusos á saída de prisión, ofrecendo aos asistentes formación e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e no eido do software libre. A primeira aplicación práctica desta formación foi a reparación de equipamento informático que pasará a formar parte dunha nova aula informática con software libre na prisión de Monterroso.

Talleres teóricos e prácticos

O programa formativo estrutúrase tres talleres tecnolóxicos, que permitirán que os internos das prisións galegas adquiran os coñecementos básicos para poder identificar os compoñentes dun ordenador, instalar e configurar un sistema operativo libre.

A través destes talleres, de 3 días de duración, os internos das prisións poderán finalmente verificar o funcionamento de equipos informáticos cos que conta o seu centro penitenciario respectivo para poñer en marcha un aula de informática con software libre e xestionada por eles mesmos.

Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionarase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formularase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.

Experiencia en Monterroso

Desde a Asociación MELISA, destacan a receptividade da iniciativa por parte dos reclusos do Centro de Monterroso, o primeiro no que impartiron formación xa que os” asistentes adquiren novos coñecementos e os cursos impartidos tamén son útiles para estar entretidos e poder desconectar un pouco da súa rutina diaria” e subliñan que “demandan máis horas dende o primeiro día de clase”.

En canto ao perfil dos participantes nos cursos, desde a Asociación sinalan que os interesados en participar on teñen que ter coñecementos de informática, e que o requisito é “que se manexen minimamente cun teclado e un rato.”

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide

Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.

MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.

Programa Voluntariado Dixital e Plan de Software Libre da Xunta 2013

Esta iniciativa enmárcase nos apoios que están a proporcionar os voluntarios do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola Amtega e a Consellería de Traballo e Benestar o ano pasado, busca incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá dos galegos, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas onde a fenda dixital faise máis evidente.

No seu primeiro ano de andaina o Programa Voluntariado Dixital conseguiu a adhesión de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico.

A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que sumar a dos máis de 220 voluntarios que se adheriron á iniciativa e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se vaian lanzando no marco deste programa. Os únicos requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal