Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
CeMIT

A Rede Cemit rexistra en xuño 27.000 usuarios e supera o obxectivo previsto para todo o ano

 
  • O grao de satisfacción dos usuarios é dun 8,8 sobre 10 en canto á formación e aos servizos dispoñibles nas aulas
  • O perfil medio de usuario é o dunha muller de entre 41 e 65 anos con coñecementos TIC básicos
  • A Rede ofrece capacitación dixital a toda a cidadanía e formación específica para profesionais e pemes
     

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/08/13 (09:24)

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartiu no primeiro semestre do ano máis de 15.000 horas de formación dixital gratuíta nas 98 aulas que a integran. O número de usuarios rexistrados ata xuño superaba os 27.000, cun nivel de satisfacción dun 8,8 sobre 10 en canto á formación e aos servizos dispoñibles na rede. Con esta cifra a Rede Cemit supera, nos primeiros seis meses do ano, o obxectivo de acadar en 2013 os 25.000 usuarios.

Do total de horas impartidas nos primeiros seis meses do ano a maioría corresponde ao nivel de Formación Dixital Básica, e dentro desta tipoloxía os cursos máis solicitados son 'Iniciación á informática', 'Busca de información na Internet' e 'Correo electrónico: webmail'.

O resto das horas repártense entre a formación para profesionais TIC, realizada en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), que suman preto de 1.700; a destinada aos empregados públicos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), con case de 1.500 horas no primeiro semestre do ano; e as preto de 1.000 horas de formación para empresarios e emprendedores e persoas en situación de desemprego.

O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es, desde a que os usuarios poden xestionar a súa vida académica na Rede (matriculación en cursos, demanda dos mesmos, recomendacións...)

Plan de Formación 2013

O Plan de Formación deste ano establece 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesidades.

Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.

Cando o usuario accede á Rede realiza unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematan cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.

A Rede ofrece tamén a teleformación a través do Espazo Multimedia de aprendizaxe, que permite achegar a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios.

Presente en 92 concellos e 53 comarcas

A Rede Cemit, está integrada por 98 aulas públicas de acceso gratuíto, presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal