A presidenta da CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas e o presidente da Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE) asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal as alumnas e alumnos xordos matriculados en autoescolas disporán de intérpretes e utilizarán o regulamento de circulación en lingua de signos durante as súas clases.
Ademais, grazas ao devandito acordo, promoveranse e organizarán accións formativas de sensibilización e reeducación a nivel nacional que contribuirán á mellora da seguridade viaria. Para todas aquelas accións formativas nas que haxa alumnado xordo que requira un intérprete de lingua de signos, contarase coa Rede Estatal de servizos de interpretación de lingua de signos da CNSE, co obxectivo de garantir o acceso do alumnado xordo aos cursos impartidos nestes centros de formación en igualdade de condicións.
Tamén a CNSE e a CNAE difundirán entre as súas entidades membro o regulamento de circulación en lingua de signos española dispoñible na web (www.fundacioncnse.org/dgt) e que en só un mes, superou as 3.000 visitas.
Así mesmo, tras a sinatura do convenio de colaboración, ámbalas dúas organizacións presentarán de forma conxunta iniciativas relacionadas coa formación, reeducación e sensibilización de condutores ante a Administración e, de forma especial, aquelas nas que participen persoas xordas.
CNAE
A Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE) é unha organización profesional de empresarios que aglutina e representa a través das súas asociacións provinciais a máis do 90% das escolas particulares de condutores en España. Entre outros fins, persegue mellorar a seguridade viaria, a reeducación de condutores e a redución dos accidentes de tráfico.
CNSE
A CNSE é unha organización sen ánimo de lucro que atende os intereses das persoas xordas e con discapacidade auditiva e das súas familias en España. Desde a súa creación, en 1936, a CNSE desenvolveu un labor de reivindicación e incidencia política para lograr a plena cidadanía das persoas xordas, así como do desenvolvemento de programas de atención e prestación de servizos a través das súas federacións. Hoxe a CNSE está integrada por 18 federacións de persoas xordas, que á súa vez manteñen afiliadas a máis de 120 asociacións provinciais e locais de todo o Estado. Non entanto, a CNSE atende calquera necesidade relacionada co colectivo de persoas xordas, estean ou non afiliadas ao seu movemento asociativo.
Rexístrate como: