A Consellería de Traballo e Benestar, a través do proxecto europeo que lidera de Envellecemento + Activo, está a impulsar a realización de experiencias piloto baseadas na aplicación de novas tecnoloxías ou novas técnicas de rehabilitación para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes. É o caso do programa Mentorazgo que levou a cabo a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes-Galicia) co obxectivo de previr que este colectivo chegue a estar en situación de dependencia e fomentar, polo tanto, que acaden un maior grao de autonomía persoal.
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables da federación para coñecer de primeira man os resultados desta iniciativa que consistiu en intervencións individualizadas no domicilio da persoa para mellorar a súa autonomía no desenvolvemento de actividades básicas da vida diaria relacionadas coa hixiene ou alimentación e para potenciar a realización de tarefas máis complexas no fogar. Así mesmo, a través de Mentorazgo preténdese mellorar as habilidades cognitivas dos usuarios do programa e fomentar as relacións co contorno e a familia. Ademais, tamén se levaron a cabo obradoiros específicos coa familia para proporcionarlle apoio no seu labor como coidadores.
Piñeiro destacou a aposta da Xunta polas persoas con enfermidade mental e, neste senso, avanzou que a carteira de servizos sociais, que aprobará proximamente o Goberno galego, inclúe por primeira vez na Comunidade autónoma recursos específicos para este colectivo., como un servizo de axuda a domicilio, así como servizos diúrnos, nocturnos e de atención ocupacional. “Todas estas prestacións estarán orientadas á normalización e integración social destas persoas”, apuntou a secretaria xeral.
Así mesmo, Piñeiro fixo fincapé na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia que está a levar a cabo o Goberno galego. Este documento marca a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal en Galicia durante os próximos 7 anos. Esta ferramenta recolle preto de 400 medidas encamiñadas a minimizar ou retrasar a aparición ou agravamento de situacións de dependencia en persoas afectadas por enfermidades ou trastornos que a xeran.
“No marco desta Estratexia seguiremos a potenciar a posta en marcha de experiencias piloto dirixidas a favorecer a autonomía persoal e mellorar a calidade de vida das persoas con dependencia”, sinalou.
Resultados de Mentorazgo
Con respecto ao programa Mentorazgo, Piñeiro explicou que participaron un total de 25 persoas con enfermidade mental cunha idade media de 50 anos. Feafes realizou esta iniciativa ao longo dos meses de abril, maio e xulo. Os resultados acadados, segundo sinalou a secretaria xeral, foron “moi positivos”, xa que indicou que o proxecto acadou mellorar a calidade de vida dos participantes e as súas familias; conseguiu que a persoa puidera seguir vivindo no seu domicilio e evitou que pasaran a formar parte do colectivo de persoas en exclusión.
Rexístrate como: