Investigadores do Instituto ai2 da Universidade Politécnica de Valencia (UPV) desenvolveron un sistema de realidade virtual para a rehabilitación motora de pacientes con esclerose múltiple. Este sistema de baixo custo denomínase Removiem.
Os investigadores aproveitaron o potencial das novas tecnoloxías, entre elas a tecnoloxía KINECT empregada nos videoxogos, para desenvolver escenarios virtuais onde os pacientes afectados por esta patoloxía poidan desenvolver os seus exercicios de rehabilitación nun ámbito lúdico que reforza a súa motivación.
"Os enfermos de esclerose múltiple teñen minguadas as súas facultades motoras, e estes escenarios permiten que os pacientes se integren nese escenario virtual e poidan facer os seus exercicios de forma máis cómoda e as súas terapias", explica Hermenegildo Gil, investigador do Instituto ai2, que participa no proxecto xunto aos tamén investigadores José Antonio Lozano, José Antonio Gil e Vicente Almarcha, enxeñeiro de Telecomunicacións pola UPV.
"Estes pacientes loitan contra unha enfermidade. Se ti lles formulas un escenario que é un xogo, esquéceselles esta loita ou de que non poden facer certas cousas e se centran en que alcanzaron esa pelota, ou en que onte facían menos acertos que hoxe. Este sistema supón outro tipo de motivación e de enfocar o que é a rehabilitación", apunta Almarcha.
Ademais, Removiem ofrece a posibilidade de realizar os exercicios de rehabilitación dende casa e de forma lúdica. Así mesmo, o terapeuta pode controlar e supervisar o proceso de evolución do paciente sen necesidade de estar sempre presente.
O sistema tamén lle permite parametrizar os xogos (duración do exercicio, posición na que aparecerán os obxectos cos que hai que interaccionar, e tempo que durará a súa aparición, etc.), permitindo que estes parámetros adapten automaticamente a súa dificultade á capacidade de cada paciente.
Nas últimas semanas esta tecnoloxía estase a validar coa colaboración da Asociación de Esclerose Múltiple de Castelló. O seu desenvolvemento foi impulsado pola Cátedra Telefónica-Tecnologías para a Innovación Social e Ambiental na UPV.
A esclerose múltiple afecta en España a preto de 46.000 persoas. Trátase dunha enfermidade crónica do sistema nervioso central que provoca trastornos sensitivos, falta de equilibrio, debilidade de movementos e, nos casos máis graves, unha parálise dos membros corporais.
Rexístrate como: