Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Bastón intelixente

Un bastón electrónico intelixente axuda ás persoas cegas a detectar obstáculos

 



  • O novo bastón só xera avisos ante obstáculos por enriba da cintura que representen un serio perigo

  • Permite axustar a distancia de detección ás necesidades do usuario, en función das súas características físicas, velocidade de movemento e da densidade de ocupación da vía
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/07/13 (10:17)

Investigadores da Universidade Miguel Hernández (UMH) de Elche desenvolveron un novidoso bastón electrónico para axudar á mobilidade dos invidentes. O novo sistema emite un aviso que detecta obxectos que supoñan un perigo para a integridade da persoa, a través dun innovador sistema de vibración colocado no pulso.


Unha das claves do novo sistema é que pode ser axustado para adaptarse ás características físicas de cada persoa -como a altura ou a anchura de ombros-. A detección dos obxectos realízase mediante un conxunto de sensores que se adaptan a un bastón branco tradicional e melloran a súa funcionalidade.


O bastón branco é un instrumento que identifica as persoas con minusvalideces visuais e lles permite desprazarse de forma autónoma. Esta ferramenta guía os pasos dos suxeitos con problemas visuais e facilítalles o rastrexo e a detección dos obstáculos que se encontran no seu camiño.


Non obstante, o bastón branco tradicional só permite detectar obstáculos que se encontran por debaixo da cintura dos seus usuarios e os deixa expostos a obxectos altos ou suspendidos como ramas de árbores, extintores ou retrovisores de camións e autobuses.


O novo bastón, que foi desenvolvido en estreita colaboración con suxeitos cegos, só xera avisos ante obstáculos por enriba da cintura que representen un serio perigo e que sexan imposibles de detectar mediante un bastón branco tradicional. 


Cun peso de 130 gramos, o bastón inclúe medidas de seguridade e incorpora un microcontrolador que permite axustar a distancia de detección ás necesidades do usuario, en función das súas características físicas, velocidade de movemento e da densidade de ocupación da vía.


Desta forma pode adaptarse a rúas ou zonas cunha gran densidade de persoas, ao interior de edificios ou espazos pechados. Ademais, inclúe unha batería recargable de alta capacidade, con autonomía para varios días, e é totalmente compatible con todos os bastóns brancos que existen, o que facilita a rápida familiarización e permite unha gran flexibilidade e adaptación.


O proxecto foi financiado pola Cátedra de Investigación en Retinosis Pigmentaria Bidons Egara da UMH e contou co asesoramento e axuda da ONCE. A idea xurdiu de Antonio Alarcón, un dos membros da Cátedra de Investigación Bidons Egara e cego, e no seu deseño e desenvolvemento colaboraron os profesores Eduardo Fernández, Carlos Pérez, José María Sabater, Nicolás García, José María Azorín, así como os enxeñeiros Manuel Bayonas e Juan Ramón Rubio. 

Tema: Xeral
Fonte: sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal