Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Muller usando un portátil nunha oficina.

A Xunta lanza o seu plan anual de Software libre para fomentar o seu uso entre cidadáns, empresas e administracións

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 07/04/24 (17:04)
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia colabora con distintos axentes do tecido galego do software libre no deseño do plan
  • As actuacións previstas abranguen a celebración de cursos, obradoiros, servizos para probar aplicacións, difusión de boas prácticas ou formación na Rede CeMIT
  • En 2023, o plan sumou máis de 80 actividades nas que participaron máis de 2.800 persoas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2024 para promover o seu uso e reutilización na administración pública, impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

O plan abrangue, entre outras, actividades que van dende a tradución de Software Libre; a organización de xornadas, cursos e obradoiros; o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social; a introdución á robótica educativa, con software e hardware libre e a formación en Software Libre, nas Universidades.

Boa parte destas actuacións desenvólvense en colaboración cos principais axentes do ecosistema de software libre galego: a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.

Software Libre na Administración

No ámbito da administración, o plan contempla a promoción e o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado; e mantén o compromiso de liberación de novas solucións tecnolóxicas desenvolvidas pola administración pública galega, para facilitar a súa reutilización.

A Oficina de Software Libre seguirá sendo o punto central de coordinación e dinamización de todas estas iniciativas. E, tamén, o punto de contacto para resolver calquera cuestión relacionada neste ámbito. 

Software Libre na empresa

No eido empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás empresas mellorar en eficacia e competitividade. Entre outras medidas, incrementarase a oferta de solucións do servizo de proba de aplicacións na nube (apeiria.mancomun.gal), que permite ás empresas galegas acceder de balde a instalacións de proba de diferentes ferramentas de software libre, para avaliar se cobren as súas necesidades.

Tamén, se fará especial fincapé na difusión das boas prácticas da corrente InnerSource entre as empregas galegas, co obxectivo de mellorar os seus procesos apoderándose das técnicas de xestión dos proxectos de software libre.

Software Libre para a cidadanía

Entre as iniciativas dirixidas á cidadanía, seguiranse potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da Rede de aulas CeMIT. O portal Mancomún seguirá sendo o punto central de difusión e información e incorpora a sección Axenda, un calendario centralizado con todas as actuacións relacionadas co software libre en Galicia.

Así mesmo, como xa vén sendo habitual, desde Mancomún seguiranse a impulsar diferentes actividades orientadas a poñer en valor o destacado papel das mulleres na tecnoloxía, para crear referentes que potencien as vocacións nas nenas galegas cara ao ámbito tecnolóxico. Todas estas iniciativas agrúpanse baixo o lema MulleresEnTech.

Balance do Plan de Software Libre 2023

Xunto co plan 2024 publícase, tamén, o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2023, no que se levaron a cabo máis de 80 actividades nas que participaron máis de 2.800 persoas. A repercusión internacional da actividade da Oficina de Software Libre fixo que se publicase un especial sobre Mancomún, no portal europeo JoinUP, e varias aparicións no newsletter de InnerSource Commons.

O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 400 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún. Renovouse o repositorio documental que conta xa con máis de 330 entradas e máis de 180 solucións TIC de software libre.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal