Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Momento da entrega do equipamento.

O programa de Voluntariado Dixital da Xunta facilita a doazón de equipos informáticos a tres asociacións sen ánimo de lucro

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 23/12/23 (08:35)
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilita a doazón de 30 equipos por parte da consultora multinacional NTT DATA á Asociación de veciños de A Pontenova, Asociación Espazo Aberto Galiza e Asociación Ambar
  • Os equipos doados destinaranse a reforzar a formación, a accesibilidade, a empregabilidade e a inclusión dixital da cidadanía

A Asociación de Veciños de A Pontenova, a Asociación Espazo Aberto Galiza e a Asociación Ambar de persoas con Diversidade Funcional da Coruña recibiron esta semana un total 30 equipos informáticos da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa consultora multinacional de negocio NTT DATA, un dos mecenas do programa de Voluntariado Dixital da Xunta.

A doazón realizada permitirá á Asociación Ambar incrementar a realización de accións de formación e capacitación prelaboral no seu Centro Ocupacional ensinando as competencias básicas e habilidades para o emprego e para a realización de xestións diarias: citas médicas, compra online, etc. 

A Asociación de Veciños de A Pontenova destinará os equipos á realización de cursos de informática, tanto para persoas maiores como para os máis novos, e tamén estarán a disposición da rapazada para que poidan realizar os seus traballos escolares. A entidade Espazo Aberto Galiza destinará o equipamento a reforzar os seus recursos para poder realizar actividades de educación intercultural e tempo libre e facilitar as xestións documentais da entidade.

Voluntariado Dixital

Esta doazón, enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, reforza a oferta de formación dixital para a mellora das competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais.

A través do programa a Axencia autonómica artella o esforzo e as necesidades dos máis de 1.000 aliados dixitais cos que conta na actualidade e entre os que se atopa NTT DATA, que leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital desde 2016.

Neste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organismos colaboradores e entidades públicas e privadas trabállase para consolidar a capacitación dixital da cidadanía, así como na promoción e divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal