Os cadros de persoal das empresas tecnolóxicas de Galicia están formados nun 67% por homes e nun 33% por mulleres aínda que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia, ao crecer a maior ritmo o emprego feminino que o masculino.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) analizados polo Observatorio da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), o sector tecnolóxico empregaba a un total de 8.983 mulleres en 2022, o que supuxo un crecemento dun 5,5% con respecto a 2021. No caso dos homes tamén houbo crecemento no emprego, pero foi do 5%.
En canto aos estudos superiores, tamén segue a ser inferior a presenza de mulleres nas carreiras relacionadas coas enxeñarías e a arquitectura, nas que representan o 26,9% do alumnado. O dato contrasta coa situación xeral no sistema universitario, no que máis do 55% do alumnado son mulleres.
No que se refire ás habilidades dixitais da cidadanía, a fenda dixital non é perceptible en Galicia, xa que tanto no uso de dispositivos electrónicos como no uso de internet a porcentaxe de mulleres usuarias é superior á dos homes.
O informe “Mulleres en Dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que hoxe pública o Osimga, indica que a porcentaxe de mulleres que declaran que accederon a internet nos últimos tres meses é dun 89,6%, seis décimas máis que no caso dos homes.
Ademais, un 91,5% das mulleres declarou que utiliza dispositivos electrónicos, fronte ao 90,8% dos homes.
O único tramo de idade no que se mantén unha porcentaxe de usuarias inferior ao de usuarios é o que vai dos 65 aos 74 anos, no que as mulleres se sitúan a 2,3 puntos porcentuais dos homes. Así e todo, neste tramo de idade, as mulleres aumentaron en 4,3 puntos porcentuais o uso de internet no último ano, fronte aos 2,3 puntos de diferencia no caso dos homes. (O informe completo pode ser consultado en www.osimga.gal).
A especialización tecnolóxica e o avance cara a unha sociedade dixital e inclusiva son dúas das liñas principais da Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta.
Entre as iniciativas da Administración autonómica para o logro dos obxectivos asociados a ambas liñas destaca a rede de aulas CeMIT, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Conta con cerca de 110.000 persoas usuarias, das que o 60% son mulleres. Traballa de forma conxunta co Programa de Voluntariado Dixital, formado por 700 persoas, das que o 60% son mulleres.
Entre outras actividades, as aulas desenvolven programas de inserción laboral e emprendemento como o denominado Muller TIC. En canto á promoción das vocacións tecnolóxicas ofertáronse durante estes últimos anos iniciativas como os obradoiros tecnolóxicos Tech Kids, dirixidos a nenas de entre 8 e 15 anos así como outras actividades con carácter steam. No ámbito da inclusión dixital destacan programas dirixidos a colectivos en risco de exclusión, como exemplos disto son as actividades “Son muller e non estou soa” ou “Competencias dixitais para mulleres do rural”.
As aulas CeMIT son tamén o escenario para a obtención do certificado de competencias dixitais. Máis de 5.100 persoas obtiveron este certificado na rede CeMIT, das que o 70% son mulleres. Esta porcentaxe apenas superaba o 50% en 2014.
Actualmente, estase a traballar na posta en marcha do novo Certificado Galego de Competencias Dixitais e a Rede de aulas CeMIT está nun proceso de ampliación e modernización.
O fomento das vocacións dixitais entre as mulleres é tamén un obxectivo do Plan DigiTalent 2030. En concreto, co novo Plan de impulso á inclusión, capacitación e talento dixital en Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continua a poñer o foco no apoio e promoción da redución da fenda de xénero, co obxectivo de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas.
Durante o verán de 2022, a Axencia autonómica, en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) puxo en marcha unha nova edición do Programa Girl STEAM, unha iniciativa que busca favorecer o uso da tecnoloxía dende unha perspectiva igualitaria, inspiradora e creativa durante a infancia e a adolescencia que aumente a visibilidade do rol da muller no sector tecnolóxico.
De xullo a setembro, ata 250 rapaces e rapazas de 8 a 15 anos tiveron a oportunidade de participar nos obradoiros formativos que se celebraron en 16 concellos galegos, ademais das instalacións do GaiásTech na Cidade da Cultura.
Durante o mes de outubro, púxose en marcha a II Edición do Programa Tech Kids: Ciberseguranza Kids, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Este programa ten por obxectivo achegar aos máis pequenos e pequenas os valores, normas e límites para unha navegación segura na Internet. A iniciativa desenvolveuse en formato contacontos, mesturando a narración e a ilustración cunha perspectiva lúdica e unha dinámica altamente interactiva na que participaron 28 centros escolares de Galicia e máis de 800 nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Rexístrate como: