Máis dun centenar de formadores e formadoras na EGAP e da Rede CeMIT participaron hoxe na Xornada inaugural do Marco Galego de Competencias Dixitais celebrada no Edificio Fontán na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e retransmitida en streaming para facilitar a participación de todas as persoas interesadas.
Con este acto, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e no que tamén participou a Escola Galega de Administración Pública, deuse comezo á formación en ComDix dos Axentes TIC da Rede CeMIT e dos titores e titoras da EGAP -docentes que serán os encargados de formar nas competencias dixitais e na certificación asociada tanto á cidadanía coma ao persoal empregado público-.
Durante a xornada déronse a coñecer todos os detalles do novo Marco Galego de Competencias Dixitais, así como o papel que terá a Rede CeMIT e a EGAP coma entidades colaboradoras do novo Marco.
Para finalizar o acto, e antes do café networking dispoñible para todas as persoas asistentes, deuse paso a unha rolda de preguntas que permitiu aclarar as dúbidas formuladas sobre a posta en marcha do Marco galego de competencias dixitais.
Tras esta sesión, o persoal docente da Rede CeMIT e da EGAP poderá participar no curso online de autoformación “ComDix Iniciación - Formación para o persoal formador no Marco Galego de Competencias dixitais” e durante a segunda quincena de febreiro está prevista a realización do exame final presencial.
O Marco Galego de Competencias Dixitais establece os coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para desenvolverse no mundo dixital, tanto en ámbitos persoais, profesionais, educativos e de cidadanía. Está baseado no modelo DigComp, definido pola Unión Europea, adaptado á realidade e necesidades de Galicia.
Parte fundamental deste Marco é a Certificación Galega de Competencias Dixitais, co obxectivo de servir como sistema de acreditación da competencia dixital da cidadanía galega. Estruturarase en diferentes niveis de aptitude, do máis básico o máis avanzado, e permitirá refrexar o grado de coñecemento e habilidade dunha persoa respecto ao mundo dixital.
Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, que busca aumentar a calidade de vida e o empoderamento da cidadanía a través do uso das tecnoloxías dixitais.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como organismo impulsor do Marco galego de competencias dixitais, tamén participará no “Estudo de Viabilidade dunha Certificación Europea de Habilidades Dixitais (EDSC)“ impulsado pola Comisión Europea.
Rexístrate como: