Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe dunha videoconferencia con Papá Noel desde una aula CeMIT.

A Rede CeMIT conectará a preto de 1.000 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel a través de videoconferencia

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 12/12/22 (13:02)
  • Alumnado de entre 3 e 7 anos de 24 concellos das catro provincias participarán nesta actividade entre os días 12 e 21 de decembro
  • A Rede CeMIT dará soporte técnico á conexión con Laponia como vén realizando dende o ano 2007

Entre os días 12 e 21 de decembro 830 alumnos de educación infantil de 24 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.

Así, os escolares de Educación Infantil de Celanova e Sarreaus serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 12 de decembro a partir das 10 da mañá, cunha duración de media hora en cada localidade.

Por toda Galicia

Nos seguintes días, ata o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Arzúa, Bearíz, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Catoira, Corcubión, Fisterra, A Fonsagrada, Leiro, Marín, Monterroso, Muros, Ortigueira, Riotorto, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, ata completar así as 24 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 830 nenos e nenas en 34 sesións

O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu decimoquinto aniversario e que conta cun gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día de Guitiriz ou da Asociación Aspromor de Ortigueira

Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Neste sentido, a rede conta con máis de 100.000 usuarios, dos cales o 59,77% son mulleres. Desde 2011 impartíronse preto de 500.000 horas de formación. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal