Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de Talentos Inclusivos.

O CITIC e ASPACE Coruña presentan a terceira edición de Talentos Inclusivos

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 08/11/22 (07:52)

A Domus da Coruña acolleu este venres 4 de novembro a presentación da nova edición, a terceira, do programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Asociación de Padres de Personas con Parálise Cerebral de A Coruña (ASPACE) para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Segundo se fixo saber, nesta nova convocatoria 2022-2023 participarán unha decena de centros de Secundaria e Bacharelato.

En palabras de Manuel F. González Penedo, director do CITIC, Talentos Inclusivos “é un exemplo de colaboración entre un centro de investigación e unha entidade do terceiro sector, para o que poñemos á súa disposición aplicacións, programas ou diferentes tecnoloxías que axuden a mellorar procedementos e métodos e faciliten a vida cotiá nos ámbitos persoal e social daquelas persoas que adoitan atopar máis obstáculos no acceso ás TIC”. A través de Talentos Inclusivos o alumnado de Secundaria e Bacharelato terá que buscar solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) aos retos detectados por ASPACE Coruña coa finalidade de cumprir o dobre obxectivo do programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a xuventude e dar a coñecer a discapacidade a través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional. Entre os retos detectados para este curso destacan a busca de solucións tecnolóxicas para crear un xeolocalizador de prazas de discapacidade no Concello da Coruña, un botón adaptado para o acendido e apagado do computador, un soprador de velas adaptado, a adaptación do guiador en impresión 3D para persoas con diminución de forza motora ou parálise parcial (hemiparesia) e un showroom de habitación domotizada.

Colaboración do Concello

Na presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, o CITIC e ASPACE Coruña e alumnado dos centros educativos, participaron representantes das institucións que apoian o programa, coma por exemplo o Concello da Coruña, institución que se sumou ao programa a pasada edición. A súa alcaldesa, Inés Rey, salientou o seguinte: “O alumnado e os colexios da cidade que toman parte este ano no programa Talentos Inclusivos poden contar co noso compromiso para garantir que as súas ideas e proxectos chegarán ao tecido asociativo da cidade, porque é a transferencia de coñecemento desde o tecido investigador e formativo, á cidadanía, o que permite que os avances pasen a ser reais e efectivos".

Presenza de Román Rodríguez

Na mesma liña que a rexedora coruñesa, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez gabou esta iniciativa que “enlaza dous ámbitos clave”, dixo, “como son a convivencia escolar e a formación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ao servizo dun sistema educativo de calidade e equitativo, dous aspectos que consideramos esenciais para garantir un modelo comprometido xusto e dinámico para todo o alumnado como é o caso do ensino galego, que é un referente nacional e internacional na aposta pola accesibilidade, a inclusión e a atención á diversidade”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, resaltou que Talentos Inclusivos entronca directamente cos valores e os principios que defende o Consello Social da UDC como son a procura dun modelo educativo máis inclusivo e unha universidade socialmente responsable, “o que nos levou desde o primeiro momento a colaborar estreitamente co CITIC e ASPACE Coruña para impulsar este ilusionante proxecto”. Esta iniciativa, asegurou, “demostra que a colaboración universidade-empresa-terceiro sector xera polos de innovación capaces de contribuír a satisfacer necesidades e inquedanzas sociais de primeiro”. Así mesmo, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Imma Aguilar, incidiu no apoio a este proxecto que segundo dixo enmárcase dentro dos obxectivos da fundación de “catalizar, impulsar a conexión entre a ciencia e a diversidade”. E engadiu: “Temos o reto de facer unha ciencia inclusiva para todas as persoas e é un orgullo apoiar este proxecto”. Uns apoios que agradeceu tamén a presidenta de ASPACE Coruña, María del Carmen Barreiro Santos, quen sinalou que Talentos Inclusivos é “unha oportunidade para amosar as grandes capacidades que teñen as persoas con parálise cerebral, porque o talento non entende de barreiras” e agradeceu a implicación do profesorado e alumnado. Para rematar a presentación da terceira edición, o subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, xunto ao fisioterapeuta de ASPACE Coruña, Rubén Carneiro, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores, nos que chegaron a 280 estudantes de 11 centros de ensinanza coruñeses e afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2022-23. Tamén achegaron a súa experiencia en canto á participación no proxecto dúas usuarias de ASPACE Coruña e representantes do alumnado dun centro educativo implicado na edición anterior.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal