Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Momento da presentación.

A Xunta e a UVigo poñen a disposición dos programadores culturais unha aplicación web para facilitar información accesible

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 05/10/22 (17:52)
  • O recurso CIMA permite crear folletos informativos baseados en textos sinxelos e pictogramas
  • Esta é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europeo Erasmus+ ‘ALLURE’ que Galicia lidera coa participación de centros de Islandia, Portugal e Polonia
  • O desenvolvemento desta iniciativa enmárcase na nova Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, abordará esta tarde con diversos colectivos

A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran no desenvolvemento da aplicación web CIMA, unha ferramenta gratuíta destinada a transformar información sobre eventos culturais para facela máis accesible a todos os colectivos creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, en colaboración co atlanTTic do grupo GTI da Universidade de Vigo, poñen a disposición dos programadores culturais unha nova ferramenta que permite xerar de modo rápido e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos por lectores de PDF para ser accesibles a persoas con problemas de visión.

Os profesionais do sector contarán así cun recurso doado e gratuíto para ofrecer información relevante e de maneira accesible sobre os seus eventos: localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc.

CIMA está dispoñible para uso libre e gratuíto por calquera persoa ou institucións a través da web do proxecto en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, este último co obxectivo de facilitar o acceso da poboación desprazada polo conflito aos diferentes eventos e recursos culturais. Ademais, para a súa elaboración tívose en conta a tipografía e o tamaño de letra e o contraste de cores que facilitan a lectura.

Esta nova ferramenta foi presentada esta semana nunha xornada de traballo con profesionais do sector cultural por parte de Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic no grupo GTI.

Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia

O desenvolvemento desta aplicación enmárcase no compromiso da Administración autonómica por traballar por unha cultura sen barreiras e cada vez máis inclusiva e accesible a todos os colectivos, tal e como se propón na futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, para a que xa está aberto o proceso de consulta pública.

Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reunirase esta tarde con representantes de distintas entidades e asociacións para abordar o deseño e estudar o borrador no que se está a traballar e recibir achegas.

No encontro, o responsable de Cultura da Xunta afondará na importancia de elaborar unha lei participativa que recolla o maior parte das achegas e sensibilidades de todos os colectivos e recollerá ideas para enriquecer a normativa que se atopa actualmente nas primeiras fases de tramitación.

Esta é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europea Erasmus+ ALLURE no que os países socios son Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).

Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal