A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade para promover a recollida de incidencias de accesibilidade mediante o uso da aplicación móbil AccesibilidApp.
Durante a Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro, a cidadanía poderá achegar e compartir incidencias a través desta ferramenta, coa finalidade de “que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sustentables para a cidadanía”, sinalou COGAMI, engadindo que o obxectivo é “implicar a toda a sociedade”. A aplicación de participación cidadá, gratuíta e aberta, foi desenvolvida por COCEMFE e a Fundación Vodafone España, Nela pódense incluír imaxes da incidencia e a súa localización. COGAMI lembra que neste aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil (como xa fixeron as 2.717 persoas rexistradas), chegaron a recollerse un total de 750 incidencias dende a súa posta en marcha no ano 2019, das que 418 foron recollidas durante este ano. O abano de situacións e elementos dos que se pode informar na aplicación é moi variado: dende os vaos para cruzar a beirarrúa que moitas veces teñen chanzos que imposibilitan o paso a persoas usuarias de cadeiras de rodas até os problemas de pavimentos en mal estado, pasando por beirarrúas demasiado estreitas que impiden o acceso dunha persoa con mobilidade reducida ou deficiencias na sinalización táctil. Estes foron, de feito, os tipos de incidencias máis recorrentes dende a posta en marcha da app.
Todas estas incidencias recollidas a través do aplicativo, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, coa finalidade de solicitar a súa corrección na maior brevidade de tempo. Dende a confederación xa foron trasladadas, comunicadas e tratadas 481 destas incidencias a concellos como o de Lugo, Santiago, Cambados e Silleda.
Rexístrate como: