Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mans tecleando sobre un portátil cuns candados sombreimpresos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sensibiliza contra as noticias falsas e ciberataques nun ciclo de charlas formativas nas aulas CeMIT

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 29/08/22 (08:59)
  • A formación está especialmente destinada a persoas maiores, mais poden inscribirse persoas de todas as idades
  • As vindeiras charlas celebraranse en setembro e outubro nas aulas CeMIT de Abegondo, Leiro, Fisterra, Ponteareas, Cuntis, Oroso, Riotorto, Ribadeo e Brión e no Centro GaiásTech en Santiago de Compostela

As aulas da Rede CeMIT acollerán en setembro e outubro xornadas formativas que permiten recoñecer e previr as estafas en liña e os ciberataques. Trátase dun programa de charlas promovidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que, baixo o título “Vacínate contra os coronabulos: protéxete dos ciberataques”, están preferentemente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.

Estas sesións, para as que está aberta a inscrición, realizaranse de xeito presencial durante os meses de setembro e outubro nas aulas de AbegondoLeiroFisterraPonteareasCuntisOroso, RiotortoRibadeo e Brión e no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Todas elas teñen unha hora e media de duración en horarios de mañá ou de tarde.

Durante as xornadas faise un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día. Desde a análise dun caso real, abórdanse os obxectivos que perseguen as noticias falsas, así como os mecanismos necesarios para detectalas. Repásanse tamén as principais estafas ás que nos vemos expostos no mundo en liña e danse a coñecer os mecanismos para previlas.

As persoas interesadas en seguir calquera das actividades pode facer a súa inscrición a través da web de CeMIT ou poñéndose en contacto coa aula que lle resulte de máis interese.*

Outras iniciativas para maiores, rapaces e persoas desempregadas

Durante este verán tamén se están a desenvolver na Rede de aulas CeMIT outras propostas formativo-divulgativas, entre as que se atopan os ciclos de seminarios, tanto online como presenciais, en colaboración con Fegaus sobre distintas temáticas relacionadas co fomento do uso das novas tecnoloxías e a banca dixital, dirixidos especialmente a persoas maiores co obxecto de impulsar un envellecemento máis activo. E para incentivar o uso creativo e igualitario da tecnoloxía entre rapazas e rapaces e derrubar estereotipos, están en marcha os “Obradoiros Steam para rapazada entre 8 e 15 anos”, no marco da colaboración entre a Amtega e Agasol. Por outra banda, ofértase desde as aulas CeMIT o programa de actividades desenvolvido pola Red Araña, que proporciona competencias dixitais a persoas desempregadas e en risco ou situación de exclusión sociolaboral.

Para o mes de setembro, a actividade non se detén, os días 20 e 23 levaranse a cabo de forma presencial nas aulas de Vigo e A Coruña respectivamente, sesións formativas sobre Intelixencia Artificial (IA) nas que coñecer as nocións básicas e o impacto desta tecnoloxía no día a día das persoas e analizaranse algunhas aplicacións a través de casos de uso. Como peche, haberá unha última sesión en liña para aqueles que non poidan asistir presencialmente.

Tamén a partir de setembro empezarán nas aulas CeMIT as sesións formativas na ferramenta AsisT.gal, unha ferramenta para a xestión de auto-coidados dos/as cidadáns/ás dependentes que ofrece autonomía, ademais de dar un acompañamento constante por medio de funcionalidades como o botón de emerxencia a coidadores, control da medicación, xeolocalización no caso de desorientación, recordatorios de medicación...

*Calendario charlas para previr estafas en liña e ciberataques

 
Aulas participantes Datas e horarios
Abegondo 13 de setembro de 10:30 a 12:00 horas
Leiro 20 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Fisterra 21 de setembro de 16.30 a 18:00 horas
Centro GaiásTech (Cidade de Cultura – Santiago de Compostela) 22 de setembro de 10.00 a 11.30 horas
Ponteareas 27 de setembro de 16:00 a 17.30 horas
Cuntis 28 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Oroso 30 de setembro de 11:00 a 12:30 horas
Riotorto 19 de outubro de 16:00 a 17:30 horas
Ribadeo 20 de outubro de 11.00 a 12.30 horas
Brión Outubro (Pendente día e hora exacto)

 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal