O Concello de Bande (Ourense) vai brindar este outono un completo programa de formación tecnolóxica para favorecer a inclusión dixital das persoas maiores do termo municipal. Trátase dun programa de vídeo-conferencias abeirado á colaboración da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniores (FEGAUS), no marco da súa colaboración no plan de inclusión dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Este novo programa formativo artéllase en tres itinerarios temáticos e 19 seminarios en liña. As sesións vanse impartir dende a Aula CeMIT de Bande e as persoas destinatarias poderán tirar proveito delas a través das súas tabletas, móbiles ou computadores.
Cada seminario terá unha hora de duración, tocando diversas vertentes do ámbito tecnolóxico e poñendo o foco nos aspectos que máis poden ser de utilidade para as persoas maiores, mostrando polo miúdo (e de xeito comprensíbel) as vantaxes do dixital na súa vida cotiá. Nesta ocasión están a ofertarse actividades dentro dos ciclos que imparte FEGAUS no marco da súa alianza con AMTEGA: Rural TIC, Bela Galicia, Adeus á Soidade, Emigración, Turismo, Socializate, Lingüística, Relaciona TIC e Formación ao longo da vida. As persoas interesadas en participar poden contactar coa Aula CeMIT de Bande emprazada no primeiro andar da Casa Consistorial.
Rexístrate como: