Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Fake news.

Comezan as sesións de sensibilización contra os ciberataques "Vacínate contra os coronabulos" promovidas pola Amtega para a Rede CeMIT

Versión para impresiónSend by email
Rede CeMIT, 14/07/22 (10:27)

Desde o pasado 6 de xullo, as aulas da Rede CeMIT acollen xornadas formativas que permiten recoñecer e previr as estafas en liña e os ciberataques. Trátase dun programa de charlas promovidas pola Amtega que, baixo o título “Vacínate contra os coronabulos: protéxete dos ciberataques”, están preferentemente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.

Estas sesións, para as que está aberta a inscrición, realizaranse de xeito presencial durante os meses de xullo, setembro e outubro nas aulas de Boiro, Brión, Abegondo, Leiro, Fisterra, Ponteareas, Cuntis, OrosoRiotorto e Ribadeo. Todas elas teñen unha hora e media de duración en horarios de mañá ou de tarde.

Durante as xornadas faise un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día. Desde a análise dun caso real, abórdanse os obxectivos que perseguen estas falsidades, así como os mecanismos necesarios para detectalas. Repásanse tamén as principais estafas ás que nos vemos expostos no mundo en liña e danse a coñecer os mecanismos para previlas.

A primeira das sesións aberta ao público desenvolveuse o pasado 6 de xullo na aula CeMIT de Ortigueira. Tivo un grande éxito tanto de participación como de valoración por parte dos asistentes, que trasladaron o grande interese dos contidos e resaltaron o bo facer do docente á hora de trasladar exemplos para axudar á comprensión e a aclaración de dúbidas en todo momento. Esta sesión celebrouse despois da organizada en liña o pasado 30 de xuño destinada aos axentes TIC das aulas.

As persoas interesadas en seguir calquera das actividades pode facer a súa inscrición a través da web de CeMIT ou poñéndose en contacto coa aula que lle resulte de máis interese.

Calendario de actividades

Aulas participantes Datas e horarios
Boiro 19 de xullo de 10.30 a 12:00 horas
Brión 21 de xullo de 10.00 a 11.30 horas
Abegondo 13 de setembro de 10:30 a 12:00 horas
Leiro 20 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Fisterra 21 de setembro de 16.30 a 18:00 horas
Ponteareas 27 de setembro de 16:00 a 17.30 horas
Cuntis 28 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Oroso 30 de setembro de 11:00 a 12:30 horas
Riotorto 19 de outubro de 16:00 a 17:30 horas
Ribadeo 20 de outubro de 11.00 a 12.30 horas

 

Tema: Xeral
Fonte: Rede CeMIT
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal