Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Entrega dun robot LOLA a Aspace A Coruña.

O CITIC participa na posta en marcha dun robot para asistir a persoas con parálise cerebral

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 07/07/22 (12:34)

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña compartiu detalles dun proxecto no que está a colaborar e que consiste en crear un robot de baixo custe con Intelixencia Artificial para proporcionar asistencia a persoas con parálise cerebral. Trátase da plataforma LOLA, posta en marcha por un grupo de investigadores/as da Universidade de Alcalá. Este equipo visitou a semana pasada o CITIC para entregar un robot a ASPACE Coruña.

A plataforma desenvolveuse no marco do proxecto AIR4DP (Artificial Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled People), no que colabora o CITIC xunto co grupo GRAM da Universidade de Alcalá e o grupo TAIS da Universidade de Sevilla.

Na dita visita o persoal investigador do grupo GRAM entregou o robot asistencial LOLA a ASPACE Coruña e ofreceu unha formación sobre a súa utilización tanto ao equipo de profesionais de ASPACE como ao do CITIC. Ademais, xunto co investigador Manuel Lagos, o equipo de investigación tivo oportunidade de coñecer as instalacións do CITIC e visitar o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron varios proxectos de investigación desenvolvidos no centro. Durante estes primeiros días do mes de xullo darán comezo as sesións de intervención con LOLA cun grupo de usuarios/as de ASPACE Coruña, e o CITIC encargarase da avaliación da plataforma robótica como tecnoloxía de apoio na vida de persoas con diversidade funcional.

Máis detalles da plataforma

AIR4DP presenta un proxecto multidisciplinar e investigación transfronteiriza, onde o principal obxectivo consiste no desenvolvemento de solucións robóticas novas baseadas en IA e Visión Artificial con capacidades avanzadas de mobilidade e de interacción humano-robot, elementos destinados a “mellorar a independencia e estimulación de persoas con discapacidade”. O proxecto está dividido en tres subproxectos, un dos cales é MATCH, que ten a finalidade de obter a mellor evidencia sobre o impacto da tecnoloxía asistencial baseada en IA na vida das persoas con diversidade funcional, no cal está implicado o CITIC.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal