Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación asistente virtual robotizado.

Balidea e Axym desenvolverán un asistente para axudar aos nosos maiores a ficar nos seus fogares durante máis tempo

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 17/06/22 (08:47)

Balidea presentou este xoves 16 de maio na súa sede de Santiago os detalles dun dos grandes proxectos tecnolóxicos galegos deste ano, arredor do que xuntaron forzas a dita empresa TIC de Compostela e máis a francesa Axym. Trátase do desenvolvemento dun asistente virtual robotizado para mellorar a atención sociosanitaria das persoas maiores e que se poderá implementar a través de móbil, tableta ou robot. “Esta iniciativa”, explicaron nas xornadas de arrinque do proxecto, nas que participaron todos os socios, “propón unha solución a un dos grandes desafíos das vindeiras décadas: o avellentamento da poboación, co consecuente medre das súas necesidades en materia de coidados e atención, así como o aumento das doenzas crónicas, da dependencia e da soidade”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars e enmárcase na chamada Medicina KM 0.

GiDi

Co desenvolvemento do robot asistencial que propoñen estas dúas compañías, bautizado como GiDi, búscase atopar solucións que melloren a eficiencia na prestación de servizos sanitarios tendo en conta a dimensión social na prestación do servizo. Segundo salientou Balidea, o proxecto encádrase nun dos grandes piares da súa actividade: traballar para as persoas, e facelo empregando Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe de comunicación por voz, neste caso para facer un seguimento continuo dos pacientes desde as súas casas. “Grazas á posibilidade de dar asistencia simultánea a través de GiDi, as capacidades dos sistemas de atención sanitarias vense melloradas, sen esquecer que se incrementa e mellora tamén a atención personalizada”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars.

Nova estratexia para o coidado da saúde das persoas maiores

Balidea explicou que está a comprobarse que o incremento da poboación maior de 65 anos non vai acompañado do aumento proporcional do número de persoas coidadoras. Así, reflectiu a empresa compostelá, segundo o informe sobre o envellecemento de 2021 da Comisión Europea, prevese que a taxa de dependencia demográfica deste colectivo aumente de xeito significativo nas vindeiras décadas dentro da UE. Do 29% en 2010 pasouse ao 34% en 2019 e prevese que siga medrando ata o 59% en 2070. Isto supón pasar dunhas catro persoas en idade de traballar por cada persoa de 65 anos ou máis en 2010 a menos de dúas en 2070. “Os sistemas de saúde en Europa enfróntanse ao desafío combinado de dispoñer de recursos limitados e unha demanda crecente impulsada polo aumento de casos de enfermidades crónicas. Esta situación crea unha necesidade urxente de repensar a forma en que se prestan os servizos de saúde.

Necesítanse novas estratexias para o coidado da saúde das persoas maiores, para mellorar a eficiencia e aumentar a xeración de coñecemento a partir do proceso”, apuntou a empresa tecnolóxica, engadindo que “para abordar estes problemas, Balidea e AXYN van desenvolver GiDi, un robot de asistencia médica e social que axudará aos nosos maiores para permanecer nos seus fogares o maior tempo posible e facilitará a xestión dos servizos de atención primaria e emerxencias, evitando a súa saturación e atendendo tamén a dimensión social dos pacientes”.

Segundo informaron, este robot é “unha resposta chave ao illamento social das persoas maiores, representando un compañeiro dixital capaz de comunicarse con elas, que lles permitirá resolver dúbidas de forma autónoma ou levar a cabo consellos de forma dixital”. O sistema, de feito, será capaz de xerar avisos e alertas tanto a familiares como aos servizos médicos a través dun sistema interoperable e seguro.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal