Ata finais de xullo estará aberto o prazo da quinta convocatoria para que empresas e sociedades presenten proxectos de infraestruturas e/ou servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) que poderán recibir apoio financeiro con cargo ao Fondo de Apoio á Dependencia aprobado polo Goberno. O devandito Fondo ten un volume total de 61 millóns de euros, dos que 15 están dispoñibles para a convocatoria de 2013.
Os beneficiarios desta convocatoria son as empresas e sociedades que presenten proxectos de creación, ampliación e/ou adaptación de infraestruturas e/ou servizos relacionados co desenvolvemento e implantación do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. O seu ámbito de aplicación inclúe os proxectos de infraestruturas e servizos nos sectores residencial, centros de día, atención no domicilio, teleasistencia, accesibilidade e novas tecnoloxías aplicadas á autonomía persoal e á atención á dependencia.
As liñas de financiamento nesta quinta convocatoria son préstamos participativos e créditos a longo prazo, cun tipo de xuro que se determinará segundo o proxecto presentado e de acordo cos tipos do mercado financeiro en cada momento. Os criterios de priorización de proxectos serán, entre outros, a viabilidade económica e técnica e a solvencia do proxecto e dos seus promotores, o impacto no emprego, a concertación de prazas e servizos coas Administracións Públicas, o efecto multiplicador do financiamento a conceder e a inmediatez de execución do proxecto.
O Fondo é unha aposta pola promoción de investimento produtiva, pública e privada, pretende que potenciar a colaboración de ambos os dous sectores, dar confianza ás empresas do sector, introducir liquidez no sistema e poñer en valor o Estado como axente dinamizador da economía. Con ese fin, o Fondo achegará medios reais de financiamento ás empresas para a expansión e consolidación dos seus proxectos, nun mercado cun importante potencial de crecemento, contribuíndo ao desenvolvemento da Lei de Dependencia.
Os interesados poderán encontrar toda a información necesaria para presentar os seus proxectos na web http://www.sepides.es/fondependencia, que inclúe o guión do Plan de Negocio, o guión da Memoria Explicativa e o Formulario de Solicitude, así como o resto de documentación que debe presentarse e información complementaria.
O Fondo de Apoio á Dependencia
O Fondo de Apoio á Dependencia creouse na Lei 2/2008, do 23 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para 2009, co obxectivo de prestar apoio financeiro ás empresas e sociedades que realicen a actividade de promoción e desenvolvemento de infraestruturas e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. A dotación ao Fondo é achegada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, con cargo aos Presupostos Xerais do Estado.
A xestión do Fondo está encomendada á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI),de acordo co Convenio de Colaboración subscrito entre o Ministerio de Economía e Facenda, o Ministerio de Sanidade e Política Social e a propia SEPI, que pasa a ser unha entidade colaboradora no desenvolvemento da Lei de Dependencia. SEPI encargou á súa filial SEPIDES a xestión deste Fondo. Esta empresa, ten o carácter de medio propio e servizo técnico da Administración Xeral do Estado e de SEPI, e está especializada na promoción empresarial a través da análise e o financiamento de proxectos empresariais e na xestión de fondos similares.
Rexístrate como: