Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe web

Unha web facilitará ás persoas xordas a obtención do carnet de conducir

 



  • A web 'www.fundacioncnse.org/dgt' mostra o Regulamento Xeral de Circulación en lingua de signos española e textos en castelán, facilitando así, o acceso das persoas xordas aos contidos requiridos para obter o carné de conducir.

  • Incorpora ademais vídeos en lingua de signos española para preparar a proba de recuperación de puntos 
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/06/13 (11:23)

Por primeira vez, o Regulamento Xeral de Circulación está dispoñible para as persoas xordas en lingua de signos española (LSE), grazas á colaboración entre a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) e a Fundación CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas).


A través da web www.fundacioncnse.org/dgt, os aspirantes xordos a condutores poderán acceder a todos os contidos do manual de condución na súa lingua natural: a lingua de signos. Unha iniciativa que dá resposta a unha demanda histórica por parte das persoas xordas, xa que permitirá a este colectivo consultar o Regulamento Xeral de Circulación sen barreiras de comunicación.


A web -aparte de ter un carácter divulgativo- está orientada a facilitar ás persoas xordas o acceso ao temario requirido para poder obter o carné de conducir, servindo de complemento ás ensinanzas que imparten as escolas de condutores. Está estructurada en tres grandes bloques: 'Normas de circulación', 'Sinais de circulación' e 'Seguridade vial', e incorpora cun completo glosario de termos específicos de tráfico.


En cada un destes apartados, as persoas xordas encontrarán os contidos do Regulamento Xeral de Circulación en lingua de signos española, con textos en castelán, así como esquemas e ilustracións que faciliten a comprensión deste. Ademais, a web inclúe vídeos en lingua de signos española para preparar a proba de recuperación de puntos do carné de conducir.


Esta iniciativa, que marca un punto de inflexión na accesibilidade universal e na igualdade de oportunidades das persoas xordas, é froito do compromiso e da sensibilidade da DGT con este colectivo, así como do intenso labor de reivindicación que a CNSE e a súa rede asociativa levan a cabo para garantir o dereito á información das persoas xordas. 

Tema: Xeral
Fonte: Fundación CNSE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal