Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Mulleres referentes en automatización e ciberseguridade relatarán na UVigo as súas experiencias con motivo do 8-M

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 28/02/22 (09:40)

Coincidindo coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Campus de Vigo acollerá dúas mesas redondas centradas en mostrar e reivindicar o papel da muller en dous eidos concretos da enxeñaría: a automatización e a robótica, por unha banda, e a ciberseguridade por outra. O profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, é o encargado de coordinar ambas actividades, que se desenvolverán a primeira delas en formato virtual o día 7 e en modalidade semipresencial e a segunda, o día 9 de marzo.

As convidadas falarán, entre outras cuestións, sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional. O día 7 terá lugar a terceira edición das Xornadas técnicas AER-UVigo, que tras centrarse na Industria 4.0 en 2020 e na robótica industrial en 2021, desta volta analizarán o papel das mulleres no sector da automatización e da robótica. Esta iniciativa, organizada pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, será “100% dixital”, explica Armesto, e contará coa participación de “mulleres directivas de empresas asociadas a AER Automation”, como Mar Masulli, de Bitmetrics; Pepa Sedó, de Eurecat; Carolina López, de Infaimon; María Benítez, de Robotnik; e Rocío Lara, de Ro-Botica. Xunto con elas, participarán na mesa unha alumna da Universidade de Vigo, Ainoa Castro, do Grao en Electrónica Industrial e Automática, e outra de Formación Profesional, Noemí Rabasco, que cursa o Grao superior en Automatización e Robótica Industrial. A mesa redonda estará moderada por outra muller, directiva neste caso do centro tecnolóxico Gradiant, Antía Fernández, co-responsable da área de Sistemas Intelixentes. As xornada poderán seguirse a través da canle 2 de UVigoTV a partir das 11.30 h.

A muller no ámbito da ciberseguridade

Nesa mesma semana, pero xa o día 9, o Campus de Vigo acollerá a Xornada Mulleres e Ciberseguridade, organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade e polo profesor José Ignacio Armesto. Participarán en modalidade virtual Esther Mateo, directora xeral de seguridade en ADIF e Rosa Díaz, directora xeral de INCIBE. Acompañaranas dende a sala I do Edificio Miralles as relatoras Ana Fernández Vilas, coordinadora do Mestrado en Ciberseguridade; Belén Pérez, CISO do Grupo Nueva Pescanova e Susana Rey, da Oficina en R e tamén egresada da Universidade de Vigo.

Este evento nace da man do Máster MUNICS, o título de especialista ECSI e a cátedra R. A mesa redonda comezará, en formato híbrido, ás 11.00 horas na sala I do Edificio Miralles e emitirase pola canle 1 de UVigoTV.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal