Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mozos e mozas participantes nun evento da Tecnópole.

A Tecnópole celebra o 11-F potenciando os estudos científicos entre as rapazas

Versión para impresiónSend by email
San Cibrao das Viñas (Ourense), 08/02/22 (14:20)

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está integrado o complexo industrial e innovador de San Cibrao das Viñas (Ourense). O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), debido á súa baixa participación nestas materias”.

Esta semana Tecnópole celebra tres xornadas no marco deste proxecto, que cumpre a súa cuarta edición. Concretamente os días 9, 10 e 11, coincidindo coa celebración, o 11-F, do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Segundo informa a Tecnópole, as xornadas están enfocadas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. O alumnado participará en obradoiros que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía “de xeito práctico e divertido”, contribuíndo a “derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino”.  Na xornada do día 11, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidarase a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e a tecnoloxía para que relaten e debullen a súa experiencia persoal, explicando os porqués de ter elixido unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.

As profesionais que intervirán son Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e tamén directora e responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus Calidad Forestal; Lucía Novelle, enxeñeira superior de Minas, socia da firma Ingeo (enxeñaría dedicada principalmente ao desenvolvemento e supervisión de proxectos de enerxía xeotérmica), secretaria da Asociación Clúster da Xeotermia Galega e membro do grupo de traballo de AENOR para a elaboración da normativa no campo da enerxía xeotérmica; e Patricia Alonso, bióloga experta en sistemas de calidade, medio ambiente e alimentación, que na actualidade ocupa o posto de directora do laboratorio de Akunatura. A mesa redonda estará moderada pola directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses, Patricia Barciela, que colabora ademais nestas xornadas impartindo os talleres científicos. Retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Parque Tecnolóxico de Galicia, entre as 10:15 e as 11:00 horas. O alumnado poderá participar no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentable.

Por outro lado, realizarase un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes na Tecnópole relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… Os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino recibirán dúas guías. Por unha banda a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo, as que se coñecen como disruptivas: cadea de bloques (blockchain), análise de información a gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica. Porase o foco no amplo abano de saídas profesionais que poñen en xogo.

Ademais, o alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes nos eidos da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia. Tamén poderán facer un percorrido pola exposición As mulleres que nos levaron á Lúa, na que se pon de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal