A Universidade da Coruña e a empresa NTT DATA, sexta compañía de servizos TIC do mundo, asinaron hoxe na Reitoría o convenio de creación da Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía, posta en marcha este mesmo mes de febreiro co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.
O reitor, Julio Abalde, e o director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, firmaron o acordo de creación desta nova Cátedra que toma o relevo da Cátedra de Transformación Dixital, creada hai catro anos pola antiga Everis (hoxe NTT DATA) e a UDC. Segundo comentou Abalde, esta Cátedra permitirá, entre outras cousas, traballar no impulso de vocacións tecnolóxicas femininas. “É moi importante que haxa mulleres tecnólogas que contribúan no deseño da tecnoloxía e os traballos do futuro, se non é así, será un futuro no que non participa a metade da poboación”.
O director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, sostivo que esta Cátedra reforza o compromiso de NTT DATA coa transformación dixital de Galicia. “Queremos apostar polo talento diverso e inclusivo, o pensamento creativo e con impacto, a autonomía na toma de decisións e a capacidade para traballar en equipo”, subliñou durante a firma do convenio coa UDC. A Cátedra NTT DATA de Diversidade e Tecnoloxía supón un avance nos obxectivos tanto da empresa como da Universidade coruñesa na inclusión e a diversidade á vez que contribúe á mellora económica e social e á atención á diversidade, como elemento fundamental nos campos da ciencia e a cultura.
O profesor Luis Hervella será o director da Cátedra. Hervella foi director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC durante dous anos e decano da Facultade de Informática de 2013 ata o ano 2021. No plan de actividades previsto pola Cátedra destaca a colaboración no deseño e impartición de programas de formación; organización de xornadas sobre atención específica á diversidade en títulos de campo STEM; promoción de estudos tecnolóxicos entre estudantes preuniversitarios, atendendo a toda a súa diversidade; formación para a creación de empresas de base tecnolóxica ou para a explotación dos resultados da investigación ou a organización de visitas á sede de NTT DATA, entre moitas outras.
Dentro do marco de colaboración entre NTT DATA e a UDC xorde UNIQA, un seminario feminino dirixido ao impulso das habilidades directivas e a marca persoal nas novas tecnoloxías e os traballos de futuro. Esta iniciativa, que comezará o próximo 12 de febreiro, busca impulsar o peche da brecha existente nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Segundo datos do Ministerio de Educación, só o 26% das estudantes optan por este tipo de itinerarios, a pesar de que máis da metade do alumnado universitario, o 54%, é feminino.
Con esta colaboración e actividades como UNIQA, ambas as institucións apuntan ao incremento da presenza feminina nas vocacións científico-tecnolóxicas, aliñándose cos obxectivos da Unión Europea neste campo da educación.
Rexístrate como: