Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Un fonendoscopio xunto a un smartphone.

A aplicación AsisT.gal da Xunta recibe o Premio Senda Iniciativa Pública

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 14/12/21 (14:00)
  • A XII edición destes galardóns recoñece a app que permite a familiares e coidadores monitorar desde os seus dispositivos parámetros de actividade, biomedidas ou a localización da persoa e establecerlle recordatorios de medicación ou citas médicas na axenda
  • AsisT.gal conta cun asistente virtual que, a través de pictogramas e recoñecemento de voz, proporciona unha comunicación intuitiva

A aplicación da Xunta AsisT.gal, recibe o Premio Senda Iniciativa Pública, que se entrega hoxe en Madrid e que recollerá o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Víctor Coladas. AsisT.gal foi concibida como unha aplicación de apoio á rede de coidadores das persoas que viven soas. É unha ferramenta impulsada pola Amtega en colaboración coa Consellería de Política Social para facilitar ás persoas maiores ou con necesidades especiais que non viven acompañadas un contacto constante a través do móbil coa rede de servizos sociais e co seu círculo de coidadores.

A crise da covid-19 evidenciou, aínda máis, a importancia dos sistemas e recursos de monitoraxe no fogar para persoas maiores ou con necesidades especiais que viven soas, de aí a importancia de complementar estes servizos con iniciativas esta, que se enmarca no proceso de extensión da Historia Social Única Electrónica,

A aplicación, que está dispoñible en Android e que se publicará en breve en IOS, permite un acceso seguro a través da plataforma da Xunta Chave365. Ademais, dispón dun asistente virtual e de capacidades de comunicación coma o emprego de pictogramas para facilitar o seu uso.

AsisT.gal ofrece diferentes funcionalidades de comunicación entre a persoa que require dos coidados e aquelas ás que invite como coidadoras. Poden intercambiar chamadas telefónicas e mensaxes dun xeito sinxelo e conta cunha opción de chamada de emerxencia que comunica directamente coa persoa designada como coidadora principal, ao tempo que avisa da chamada ao resto de coidadores

Dispón de funcionalidade de axenda con alertas para eventos como citas médicas ou horarios para a toma de medicacións, con posibilidade de xestión remota da mesma por parte da persoa coidadora

En canto á monitoraxe, a aplicación permite empregar a información de localización do móbil, para informar se é necesario de que a persoa coidada está fora da súa zona de seguridade e mesmo para axudala a voltar a súa casa ou sitios de referencia

Ademais, recolle datos de actividade obtidos a través de wearables, como a frecuencia cardíaca, actividade ou o sono, a través da posibilidade de conexión coa app Google Fit. Permite, así mesmo, establecer umbrais nestes parámetros de actividade para lanzar alarmas no caso de que se superen, que reciben as persoas coidadoras.

A descarga e o uso da aplicación AsisT.gal é gratuíto e as persoas usuarias pasan a dispoñer dunha Historial Social Única Electrónica que contribúe a mellorar a súa calidade de vida e á recepción da axuda e asistencia que requiran en cada momento.

Premios Senda

Os Premios Senda teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, institucións, empresas e profesionais que se esforzan por mellorar a calidade de vida das persoas maiores e/ou en situación de dependencia, así como por fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo.

A categoría Iniciativa Pública coa que foi premiada AsisT.gal recoñece as políticas activas adoptadas polas administracións públicas, para fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo, e concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de adoptar hábitos saudables para ter unha mellor calidade de vida.

Ademais da Xunta tamén foi galardoada nesta XII edición na categoría de Premios Senior a iniciativa Cuideo Assit coa distinción de Promoción do Envellecemento Activo, recoñecendo o poder da teleasistencia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. O Premio Senda Saúde e Benestar foi para Sanitas Maiores polo seu modelo de coidado con cero suxeicións físicas e a racionalización do uso de psicofármacos.

O Grupo Senda é unha empresa de información e comunicación con máis de 20 anos de experiencia en publicacións sectoriais de maiores, atención á dependencia así como o sector industrial, sanitario e científico.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal