Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes no III Congreso de Mulleres no Sector Público.

A directora da Amtega destaca a necesidade de sumar talento feminino á transformación dixital

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 18/11/21 (17:53)
  • Mar Pereira participou hoxe nunha mesa redonda sobre “sectores masculinizados” no marco do III Congreso de Mulleres no Sector Público
  • Malia que a inserción laboral entre ambos xéneros é moi semellante e supera o 83%, a porcentaxe de tituladas nas especialidades máis tecnolóxicas e nas enxeñarías é moi inferior á de titulados
  • Os salarios das mulleres superan aos dos homes no caso das carreiras nas que son minoría, mentres quedan por detrás en Ciencias ou Matemáticas
  • Soamente o 1% das mulleres das empresas tecnolóxicas ocupan postos directivos, fronte ao 5,8% dos homes
  • A directora da Axencia destaca os esforzos da Xunta para promover o talento feminino a través do plan DigiTalent e de accións como Girl STEAM ou o documental Marxe de Erro

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe a “necesidade” de atraer talento dixital, en xeral, e feminino en particular, aos sectores tecnolóxicos chamados a liderar a transformación da nosa economía.

Mar Pereira participou na mesa titulada “As mulleres en sectores masculinizados: sector TIC, enxeñarías e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, que tivo lugar este mediodía no marco do III Congreso Galego de Mulleres no Sector Público, que se celebra ata mañá en Santiago de Compostela.

A directora da Axencia salientou as “excelentes” perspectivas de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos. O emprego creceu en máis dun 23 por cento entre 2015 e 2020 e, de seguir a evolución actual, estes sectores crearían en Galicia máis de 4.500 postos de traballo ata 2025. Sen embargo soamente o 20 por cento dos 3.660 empregos creados no pasado quinquenio foron mulleres.

Ademais, nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa postos directivos fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas fronte ao 49,3% de homes. No caso de funcións non especificamente tecnolóxicas (administrativas,...) a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos homes (13%).

Segundo datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no 2020 foron 5.885 as traballadoras nos sectores tecnolóxico afiliadas á Seguridade Social, valor que se mantivo así estable respecto a 2019. A pesar disto, continua o crecemento da fenda de xénero nestes sectores, debido a que a o incremento do número de homes continuou no último ano.

Mulleres con formación superior STEM en Galicia

En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras denominadas STEM é moi inferior ao de titulados nas especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas enxeñarías (38,5%). Sen embargo en Matemáticas a proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%).

A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante, de máis do 83% en ámbolos dous casos.

Os salarios das mulleres mesmo superan aos dos homes cando son tituladas nas carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas.

Hai maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores de Hostalaría, Outros servizos, Administración e Primario. Mentres tanto, máis porcentaxe de homes atopan acomodo laboral nas Industrias xerais, no Sector TIC e nas Actividades de servizos profesionais.

As formación superior STEM comprende as especialidades de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas. Son as máis relacionadas coa capacitación persoal cualificado para os sectores máis tecnolóxicos.

Actuacións para o fomento das vocacións STEM entre as nenas

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia referiuse na súa intervención aos esforzos acometidos pola Xunta de Galicia para fomentar as vocacións STEM entre as nenas.

Pereira destacou tres liñas clave para captar e reter talento, aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destes profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social

Respecto ás actuacións en marcha referiuse, en concreto, ao Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental “Mulleres na Informática: Marxe de Erro”.

DigiTalent identifica como ámbito de especial relevancia a loita contra a fenda dixital de xénero, e neste senso, aposta por dar visibilidade aos roles e referentes femininos no sector TIC e fomentar entre as máis novas as vocacións científico-tecnolóxicas.

No verán de 2021 desenvolveuse, un ano máis, o programa Girl STEAM en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (Agasol). Trátase dunha actividade que busca empoderar a nenas e mozas dando unha maior visibilidade ao rol que desempeña a muller no sector tecnolóxico.

A iniciativa, xa activada no 2020 e adaptada ao formato dixital pola situación socio-sanitaria derivada da Covid-19, permitiu ás máis novas e novos achegarse, en remoto, a seis mulleres referentes a través de conversas gravadas nas que relataban experiencias da súa traxectoria profesional.

Recentemente presentouse tamén o documental “Mulleres na informática: Marxe de erro”, que contribúe a reducir a fenda de xénero na nosa comunidade, e visibiliza o papel que xogan as mulleres tecnólogas no sector tecnolóxico. A través dos seus relatos, as cinco protagonistas amosan a necesidade e o aporte de valor que supón a incorporación do talento feminino na carreira de informática, rompendo coas ideas preconcibidas que afastan ás máis novas de optar por estudos STEAM. Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración asinado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal