Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Muller de costas usando un portátil.

O CPETIG programa un outono de formación para todos os públicos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 13/09/21 (13:42)

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai comezar o outono con formación, divulgación e sensibilización. Farao cun completo programa de actividades dirixidas aos profesionais, á comunidade educativa e á sociedade en xeral. Para o desenvolvemento deste completo programa de actuacións conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030. Porase o foco, entre outras cuestións relevantes, en loitar contra a fenda dixital de xénero en calquera das súas manifestacións.

A primeira das actividades programadas é un ciclo de xornadas técnicas sobre a salvagarda da información, dirixida a axentes da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) da Xunta de Galicia. Comezaron esta semana en streaming desde o GaiásTech e continuarán este 14 de setembro, con relatores expertos como Paco Marcilla.

Tamén está prevista, nun ámbito máis profesional, unha nova edición dos Seminarios sobre Informática Xudicial, Ciberseguridade e Protección de Datos – Iuristicgal. Novamente o obxectivo será o de informar aos profesionais do dereito sobre os aspectos máis relevantes da administración electrónica xudicial.

Divulgación e sensibilización

O CPETIG impulsa tamén unha nova edición do Scratch Day, unha iniciativa que ten por obxectivo achegar nocións de programación informática a escolares de entre 7 e 15 anos e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos e mozas. Esta actividade terá, en palabras do CPETIG, “un enfoque totalmente práctico”, seguindo o ronsel de éxito de participación das edicións dos anteriores anos, complementándoa (desta volta) cun obradoiro dirixido ao profesorado.

O Scratch Day, explican dende o colexio, “pretende divulgar os valores da programación informática desde idades temperás, de xeito que os escolares acceden a esta contorna técnica de forma lúdica e divertida, tendo en conta como valor engadido que a través da programación se incentivan a creatividade e o emprendemento e se melloran a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”. No marco da programación do CPETIG presentarase tamén un documental sobre a presenza das mulleres no eido das enxeñarías informáticas que ten por obxectivo poñer en valor e incentivar a súa participación no sector. O documental está centrado na necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas e en especial a informática da presenza feminina como aporte de valor, dándolle visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento desta disciplina e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as súas experiencias rachar con ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos vencellados á informática.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal